EFE | Un xogo triangular virtual de fútbol con participación de xogadores do CD Lugo, RC Celta de Vigo e o RC Deportivo pretende recadar fondos para axudar a enfermos do Covid-19 e afectados pola pandemia de coronavirus.
Así o indicou nun comunicado a entidade Abanca, patrocinadora deses clubs e financiadora dese xogo con finalidades solidarias. A celebración da competición está prevista de venres a domingo, de 19:30 a 20:30 horas e será a través do FIFA 20. As doazóns faranse vía transferencia á conta bancaria do Sergas.
Ademais de xogadores do Lugo, Depor e Celta, tamén participan neste torneo algúns artistas galegos. Daquela, polo Lugo están confirmados os centrocampistas Yanis Rahmani e Jaime Seoane, ademais do cómico Víctor Grande e o presentador Brais Doval. Polo Celta, xogarán Denis Suárez e Brais Méndez, con Fran Cañotas e Duarte Galbán. Os representantes do Depor serán, á súa vez, Víctor Mollejo e Mujaid Sadick, xunto a Marcos Pereiro e Rodrigo Vázquez.
Ademais, Donato, Manel e Manu Rodríguez serán os comentaristas e a narración contará coa voz da xornalista Rocío Candal.
Cada equipo xogará un total de catro partidos de vinte minutos, que serán retransmitidos a través do portal desafio.abanca.com e pola TVG2. Poderanse seguir tamén a través do Facebook Live.