InicioSociedadeVenda ambulante en tempos de coronavirus: "Ao non saír da casa, a...

Venda ambulante en tempos de coronavirus: “Ao non saír da casa, a xente espera máis por min”

Abel Trashorras rexenta 'O Mercadillo', un negocio de autovenda co que reparte comida, produtos de limpeza e outros enseres polas aldeas de Castroverde. "Algún mercou papel hixiénico para un ano!", di. Anécdotas á parte, o certo é que está exposto a posibles contaxios: "Viaxantes, clientes... Nunca sabes se o teñen eles ou se o podes ter ti. E tes medo pola túa xente".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A bucina do camión anticipa a chegada de Abel ás airas das aldeas de Castroverde. “Aí vén o Mercadillo!“, berra alguén na casa, por se non quedara claro. E, deseguida, sae alguén ao seu encontro, cunha bolsa grande baixo do brazo. Cando dá chegado, Abel xa ten abertas as portas traseiras do vehículo e no seu interior aparece de todo: mazás, azucre, queixo, lambetadas, papel de cociña, xabón… O del é un deses supermercados ambulantes que achegan o produto ao consumidor. Nada máis axeitado para estes días de confinamento.

“Como a xente non sae da casa, agora esperan máis por min”, comenta Abel Trashorras, que reparte polo concello castroverdés. “Notei bastante incremento na venda durante estes días por ese motivo, pero tamén porque moita xente de Lugo veu pasar a corentena ás aldeas”.

Se outrora ían por calquera cousa ao supermercado, estes días aproveitan a chegada do Mercadillo de Abel para facerse cos alimentos ou artigos que precisan. “O que máis me piden é a lixivia, sen dúbida. En xeral, todos os produtos de limpeza están moi demandados”, explica, aínda que tamén percibe un aumento na venda de froita. “Ao pasar máis tempo na casa, consómese máis e acábase antes, así que compran máis cantidade”.

“Algún comprou papel hixiénico para medio ano”

“VAI SER UN GOLPE DURO PARA TODOS”

Porén, aos seus ollos iso non é máis ca pan para hoxe e fame para mañá. “Cando pase todo isto a xente vai seguir mercando, porque comer ten que comer, pero tamén é verdade que estará máis aprovisionada de produtos que non caducan e que agora compran a tope. Algún comprou papel hixiénico para medio ano!”, relata.

Ademais, os efectos económicos da crise do coronavirus han ser palpables en todos os sectores. “Nós podemos seguir coa actividade, polo menos. Non é como na hostalaría, que están parados”, di. Así e todo, o seu prognóstico non pinta moi optimista. “Vai ser un golpe duro para todos. Eu creo que vai haber un baixón grande en xeral, porque se non hai cartos, non hai para ninguén”.

“VEXO MOITO MOVEMENTO INNECESARIO”

MEDO AO CONTAXIO

Non é esa a única preocupación que lle anda pola cachola estas semanas. Abel Trashorras sabe que o máis inmediato é reverter a situación sanitaria e ir librando dos contaxios por coronavirus. “Eu teño contacto con xente de moitos lugares. Viaxantes, clientes… Nunca sabes se eles o teñen ou se o podes ter ti“, recoñece.

El procura traballar con todas as precaucións posibles, así que viste luvas e máscara, ademais de desinfectar o camión “a todas horas” porque “a xente ten o costume de apoiarse nel sen darse conta”. Outro aspecto no que observa cambios é na forma de pago, xa que agora é moito máis frecuente o uso de tarxeta, no canto do diñeiro en metálico.

“Non é tanto o temor a contaxiarme eu, senón o medo pola túa xente”, precisa. O “80%” da súa clientela sobe dos 60 anos, polo que estarían incluídos no grupo de risco. Segundo Abel Trashorras, a veciñanza “está bastante preocupada, pero tamén hai outra moita que aínda non é consciente”.

No rural, o confinamento é diferente, porque “se tes unha horta ao lado da casa vas a ela sen problema”. Así e todo, hai que andar con ollo. El, que se move dunha parroquia a outra e que percorre unha chea de estradas, ve “moito movemento innecesario”. Por iso, quere lanzar unha mensaxe de “tranquilidade” e un recordatorio de “que non se tome a broma”. “Se todos nos concienciamos, isto acabará antes”, conclúe.  E segue o traxecto…

ÚLTIMAS

Detido un home en Lugo acusado de apuñalar á súa muller

Un home foi detido esta madrugada en Lugo acusado de propinar varias puñaladas á súa...

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...