EFE.- Lugo é a provincia de España que máis residentes perdeu desde finais do século XX, case 130.000 persoas. Ourense, que perdeu 93.500 residentes, ocupa a cuarta posición, por detrás de Teruel e Zamora, cunha clara tendencia a empeorar desde comezos do século XXI.
Son datos dun informe sobre a evolución demográfica en Galicia no último século, difundido este xoves polo Círculo de Empresarios de Galicia. Segundo esta análise, durante o século XX perderon poboación dez provincias españolas, con Teruel e Lugo á cabeza. Nas dúas primeiras décadas do XXI, o récord manteno Ourense en términos cuantitativos, aínda que a porcentaxe de despoboamento é superior en Zamora.
LUGO E OURENSE, NO TOP 15 DA SANGRÍA DEMOGRÁFICA
Segundo os censos de poboación, as catro provincias galegas mantiveron bos índices de crecemento demográfico ata a década dos cincuenta do século pasado, especialmente A Coruña e Pontevedra pero, se ben estas dúas provincias continuaron medrando a partir de 1960, Lugo e Ourense emprenderon unha caída progresiva que chega á actualidade.
De acordo co último censo do INE, A Coruña é a duodécima provincia por poboación e Pontevedra a decimosexta, mentres que a sangría demográfica coloca a Lugo no posto 37 e a Ourense no 39, dun total de 52. Así, a desertización demográfica, di o informe, está comezando a ser evidente na provincia ourensá, onde o número de municipios con menos de mil habitantes pasou de sete no ano 2000 a vinte e seis en 2019.
OS CONCELLOS CUXA POBOACIÓN VAI A MÁIS
O último censo da provincia ourensá indica, así mesmo, que nestas dúas décadas do século XXI tan só oito concellos lograron incrementar a cifra de veciños: Allariz, Barbadás (practicamente dulplicou a súa poboación), O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Verea e Xinzo de Limia.
Pola súa banda, sete son os municipios lucenses que incrementaron a súa poboación nestes vinte anos: Burela, A Fonsagrada, Lugo, Outeiro de Rei, Ribadeo, Sarria e Viveiro. Tamén nesta provincia aumentou, aínda que en menor proporción que en Ourense, o número de concellos con menos de mil habitantes, que pasaron de tres a cinco.
OS DATOS PARA A CORUÑA E PONTEVEDRA
Pola contra, A Coruña e Pontevedra rexistran incrementos netos nos totais provinciais, aínda que en ambos casos se aprecia unha liña ascendente ata 2010 eque variou daquelaa súa tendencia. Desde o ano 2000, son vinte e seis os municipios que aumentaron poboación na Coruña, onde non hai ningún concello con menos de mil residentes. En Pontevedra, durante estas dúas décadas, 29 concellos aumentaron as súas poboación, e só hai un na provincia, Mondariz Balneario, con menos de mil habitantes.