InicioMovementos sociaisVilalba reivindica a diversidade: as rúas volverán vibrar co Orgullo LGTBI

Vilalba reivindica a diversidade: as rúas volverán vibrar co Orgullo LGTBI

Vilalba Aberta promove esta cita por terceiro ano consecutivo, logo do éxito das anteriores edicións. Procuran poñer o concello no mapa de celebracións LGTBI, onde ás veces só aparecen as grandes vilas ou cidades.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O concello de Vilalba celebrou por primeira vez hai dous anos o Día Internacional do Orgullo LGTBI. A resposta da veciñanza á convocatoria promovida por Vilalba Aberta fora tan “desbordante” que a celebración conseguiu perdurar no tempo. E é que este mércores 3 de xullo (20:00 horas, na Alameda) festexarase a terceira edición do evento.

De novo da man de Vilalba Aberta, esta cita procura situar o concello vilalbés no mapa reivindicativo do Estado e sumarse á chea de cidades que poñerán en valor a diversidade sexual e de xénero. Para iso, teñen previsto un primeiro debate aberto moderado por María Pérez Iravedra e no que participarán Carmen Granxeiro,  directora de cine, artista audiovisual e activista LGTBI; Pablo Zas, membro do Observatorio contra a LGTBIfobia; e Jesús García Crespo, integrante da Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual (ALAS).

Non faltará tampouco a música nunha xornada que, sen deixar de ter tintes de protesta, tamén contará con moita festa. A lectura dun manifesto poñerá fin aos actos da xornada. A persoa encargada de representar o colectivo con estas verbas será un estudante e veciño de Vilalba, Alfonso Bermúdez Prado.

“Pretendemos confluír coa veciñanza na defensa das e dos que non poden expresar a súa sexualidade con liberdade”, declarou a concelleira da formación, María Xosé Fernández. Na mesma liña se pronunciou o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, que destacou a importancia de visibilizar o colectivo, pois “ningunha sociedade pode ser considerada democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de rexeitamento cara a unha parte dos seus membros”.

É por isto polo que chaman á participación nunha xornada que levará a esta localidade mediana un festexo reivindicativo que xeralmente queda reducido ás grandes vilas e cidades.

+ posts

ÚLTIMAS

Polémica en Lugo polo presunto uso irregular de fondos de Turismo

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, acusou á dirixente provincial do PPdeG...

Rescatadas nove vacas tras caer por un precipicio en Taboada

O rescate dun grupo de vacas precipitadas nun desnivel na contorna do río Miño,...

PSdeG e BNG denuncian os pactos escuros do PP que acusa a socialistas e nacionalistas de “cruzar unha liña vermella”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, referiuse este venres aos incidentes...

A CIG denuncia a “criminalización” dos traballadores que enferman este 1 de Maio

Centos de persoas saíron á rúa en Lugo, no acto central convocado polo sindicato...