InicioEconomíaAprobada a renovación do barrio lucense das Gándaras

Aprobada a renovación do barrio lucense das Gándaras

A primeira parte do Plan de Barrios, con 176.000€ de investimento, consiste na renovación dos pavimentos, das redes de saneamento e abastecemento, e do alumeado – A xunta de goberno aprobou os proxectos de renovación do céspede nos campos de fútbol da Cheda e Frigsa, e de peonalización da Milagrosa

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Plan de Barrios foi unha das medidas máis publicitadas no capítulo de investimentos dos novos orzamentos. O goberno de Lugo apartou nas contas 2,5 millóns para respostar aos acordos da corporación e dirixir actuacións puntuais, nun intento de revitalizar o conxunto de barrios coa rehabilitación de rúas chave. Este Plan é un complemento para os grandes capítulos de infraestruturas e mobilidade, polo que terá aplicación en zonas que manteñen a anterior planificación urbana.

Neste senso, a renovación do barrio das Gándaras é a primeira pedra. Aprobada este mércores pola xunta de goberno, contará con 176.000 euros, e afrontará a revisión “integral” da rúa Torre de Doncos. Unha vez publicada a convocatoria, haberá un prazo de 20 días naturais para ofertas, coa previsión de que as obras sexan acometidas en 4 meses.

A obra consistirá de cinco partes: renovación dos firmes e pavimentos da calzada e as beirarrúas –que pasarán a ser de metro e medio–; modificación lixeira da rasante da rúa para adaptala ás entradas das vivendas e garaxes; substitución das redes de saneamento e abastecemento; dotación de novo alumeado, co soterramento de cableado e instalación de luminarias sobre báculos ao longo de toda a rúa; e a sinalización horizontal e vertical.

Segundo explicou a alcaldesa, Lara Méndez, dentro do Plan de Barrios, están contempladas outro medio cento de actuacións por toda a cidade, tanto de pavimentación, como de humanización, renovación de redes de abastecemento e saneamento, accesibilidade e dotación de mobiliario urbano. A rexidora afirmou, ante os veciños e representantes da asociación Gatos Roxos, que no executivo son conscientes de que foi nos barrios “onde máis se resentiron os investimentos durante os anos de maior dureza da crise”.

Amais do que respecta ás Gándaras, entre as decisións da xunta de goberno está sacar a licitación outros tres proxectos. Son a renovación do céspede nos campos de fútbol da Cheda e Frigsa, en colaboración coa Deputación e cun investimento conxunto de 500.000 euros; e a xa anunciada peonalización da Milagrosa, cun importe de 220.000 euros. Dende que os orzamentos saíron adiante en abril, o Concello licitou investimentos por valor de 1,6 millóns de euros.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...