InicioLugo e contornaLugoPSOE e BNG definen o deseño do novo goberno de Lugo

PSOE e BNG definen o deseño do novo goberno de Lugo

Haberá 13 concellerías: os nacionalistas levarán a área de Cultura e os socialistas ocuparanse da de Benestar.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O PSdeG e o BNG celebraron este luns a segunda das reunións para formar un goberno bipartito no Concello de Lugo, un encontro no que ambas as formacións decidiron que haberá trece concellerías, que os nacionalistas levarán a área de Cultura e os socialistas ocuparanse da de Benestar.

Na reunión participou a alcaldesa en funcións, Lara Méndez, así como o portavoz do goberno municipal socialista, Miguel Fernández, e o segundo da candidatura e secretario xeral do PSdeG nesta provincia, Álvaro Santos; mentres que polo BNG estivo presente o candidato á Alcaldía, Rubén Arroxo, e os edís electores Maite Ferreiro e Álex Penas.

Arroxo confirmou, ao saír da reunión e a preguntas dos xornalistas, que “a idea é pechar as negociacións entre ambos os partidos antes do sábado”, que é cando se celebra o pleno de constitución da nova corporación.

“A nosa idea é pechar un acordo antes do pleno de investidura e que se chegue cun acordo pechado a ese pleno”, dixo Arroxo, mentres que a alcaldesa afirmou que ese foi o obxectivo destas negociacións “desde o minuto cero”, formar “un goberno estable, útil para a cidade”.

Nesta segunda reunión, ambos os partidos centráronse en readaptar “o Concello a trece novas posibles concellerías”, precisou Lara Méndez, algo “básico para aquilatar un pouco as funcións e servizos das distintas áreas”, tendo en conta ¡ que no último mandato o goberno local estaba formado por tan só oito.

Niso estiveron “a profundar”, precisou, para “ver que servizos ou funcións” se asignan a cada unha das áreas, de modo que na reunión de hoxe quedaron “delimitadas” e “asignadas dúas”, as de Benestar -para o PSdeG- e Cultura -para o BNG-.

“Mañá renovaremos as negociacións para repartir as áreas que non nos deu tempo tocar no día de hoxe”, dixo Arroxo, quen precisou que ese terceiro encontro será a partir das 17:30 horas.

En canto á posibilidade de que haxa máis dun tenente de alcalde no goberno local, para dar cabida a ambos os socios de goberno nesa función, tanto socialistas como nacionalistas precisaron “que aínda non se falou sobre” iso.

+ posts

ÚLTIMAS

Lugo reclama “reforzo urxente” á Xunta para o control contra o xabaril

O Concello de Lugo reclama á Xunta "un reforzo urxente" das actuacións de control...

Concerto único de Abraham Cupeiro na Igrexa de Santa María de Vilabade

Trátase dun concerto concibido como un formato íntimo xunto a un cuarteto de corda...

Falece un conductor logo de saír da vía co seu cuadricilo en Castro de Rei

Un condutor faleceu este luns tras saírse da vía coa súa cuadriciclo lixeiro en...

A Deputación de Lugo investirá case un millón en estradas e en entidades de Terras do Miño e Os Ancares

O deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón,...