O número de parados rexistrados no servizo público de emprego de Galicia baixou en maio en 5.595 persoas. Este descenso con respecto a abril (do 3,07 por cento) está por enriba da media española e sitúa o total en 176.696 desempregados, segundo publicou este luns o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
A variación intermensual do paro galego, de abril a maio, foi a sexta maior en termos absolutos, por detrás das de Cataluña, Andalucía, Madrid, Baleares e Valencia; e a novena en valores relativos, despois de Baleares, A Rioxa, Asturias, Murcia, Navarra, Cataluña, Castela e León e Castela-A Mancha.
Lugo foi a segunda provincia galega máis dinámica. Se en Pontevedra o descenso foi de 2.808 parados, equivalente a un 3,9 por cento, na nosa provincia contabilizáronse 649 desempregados menos, un 3,65 por cento. En comparación, na Coruña descendeu en 1.853 persoas, un 2,56 por cento menos, e en Ourense foron 285 parados, ou 1,42 puntos porcentuais.
Deste xeito, a provincia de Lugo pecha maio con 17.152 persoas en situación de desemprego, un 13,7 por cento menos ca no mesmo mes do ano anterior. A evolución nos últimos doce meses foi mellor en Lugo que na media de Galicia, pois a nivel galego a variación interanual foi de 22.942 parados menos, unha reducción do 11,49 por cento.
En total, o paro afecta a 70.557 persoas na Coruña, 69.182 en Pontevedra, 19.805 en Ourense, e os 17.152 de Lugo. Por xénero, son 75.079 homes e 101.617 mulleres; mentres que por treitos de idade, hai no paro 8.505 menores de 25 anos, e 168.191 persoas do resto de idades.
CASE 15.000 CONTRATOS MÁIS en galicia
No que respecta á contratación, Galicia sumou 14.345 contratos máis que en abril, o que supón un incremento do 17,53 por cento ata os 96.189. Son tamén 8.594 máis que no mesmo mes do 2017, equivalente a un 9,81 por cento máis.
Lugo foi tamén a segunda provincia que conseguiu máis contratacións en termos relativos. Pontevedra liderou a creación coa asinatura de 7.795 contratos (23,37 por cento máis de contratos en maio), seguida de Lugo, con 1.830 (un 21,64 por cento), Ourense, con 864 (14,42) e os 3.856 da Coruña (11,2).
Do total de contratos de maio, 8.236 foron indefinidos, un 0,23 por cento máis ca en abril, e un 22,2 por cento superiores aos de hai un ano por estas datas. Por contra, 87.953 foron temporais, dato superior a abril nun 19,46 por cento, e con respecto a maio do 2017, nun 8,78 por cento. En datos acumulados, os contratos repártense en 9,78 por cento indefinidos, polo 90,22 por cento de contratos temporais.
Máis información sobre os datos por sectores e estatais no Galicia Confidencial