InicioEconomíaEn Marea pide ao Goberno que rehabilite a ponte branca de Lugo

En Marea pide ao Goberno que rehabilite a ponte branca de Lugo

Fomento trasladara ao grupo parlamentar de En Marea que o mantemento da ponte branca corresponde ao Concello de Lugo, pero que pode asumir provisionalmente a conservación

PUBLICADA O

- Advertisement -

En Marea requerirá no Congreso dos Deputados que o Ministerio de Fomento rexenere a ponte branca de Lugo. O deputado por Lugo do grupo parlamentar, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou na Cámara unha pregunta dirixida ao departamento que dirixe Jose Luis Ábalos para explorar a posibilidade dunha revisión estrutural, unha actuación de rehabilitación e a colaboración no mantemento da construción sobre o Miño.

A iniciativa de En Marea para corrixir o deterioro da ponte branca, sen mantemento dende a inauguración en 2011, deriva da resposta que ofreceu o Goberno en outubro. Entón, o responsable estatal de infraestruturas trasladou que a conservación era competencia do Concello de Lugo, pero que “por responsabilidade e a efectos de garantir a seguridade”, Fomento podería facerse cargo provisionalmente.

Revisión, mellora e mantemento

Ponte branca de Lugo | José Eloy
Ponte branca de Lugo | José Eloy

O escrito rexistrado por Fernán Vello contén tres inquéritos. O primeiro está relacionado coas inspeccións básicas realizadas hai dous meses –que o executivo saínte deixara sen realizar–, preguntando polas conclusións dos técnicos sobre os desprendementos nas pezas decorativas na rotonda elevada sobre a Nacional Sexta. Hai programada outra análise estrutural nas vindeiras datas.

A segunda parte é a petición ao Goberno para que non se limite a retirar os “elementos inestables”, aproveitando para reforzar e mellorar as condicións da ponte branca, concretamente, “accións de carácter urxente” e “investimentos na rexeneración e limpeza” na estrutura, cunha luz de 195 metros sobre o Miño, e nexos coa N-VI, a vía a Portomarín e a vella estrada a Santiago de Compostela.

Por último, convidan a Fomento a colaborar no mantemento estipulado pola empresa construtora, pois foi este departamento o que finaciou a ponte branca con vinte e un millóns de euros. Xustifica En Marea estas peticións pola “preocupación social” e o “estado de abandono” dunha infraestrutura “de moito custe”.

ÚLTIMAS

Detidos dous veciños por roubar 1.750 válvulas de bombonas de butano

A Garda Civil detivo na madrugada do xoves a dous veciños de Ferrol, de...

A Deputación de Lugo presume de política social con 136 millóns: “construimos 13 residencias en oito anos e a Xunta, 0”

Os orzamentos da Deputación de Lugo crecerán en 2026 ata superar os 135 millóns...

TSXG ratifica a condena a dous homes por traficar con drogas valoradas en máis de 18.000 euros

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)...

Detidos tres homes nun operativo policial con 1,6 kg de droga e máis de 1.800 euros

A Policía Nacional desmantelou en Lugo dous puntos de preparación, corte e venda de...