“Queremos involucrar ás administracións para pór en valor a Vía XIX”

Patrimonio dos Ancares realizou un extenso traballo de documentación para delimitar o trazado e recuperar a Vía Romana XIX, que darán a coñecer este verán

Vía Romana XIX ao seu paso por Pontes de Gatín, en Becerreá | Colectivo Patrimonio dos Ancares

O colectivo Patrimonio dos Ancares inicia este verán unha campaña para recuperar a Vía Romana XIX, a máis vella das tres que vencellaban a Gallaecia co resto de provincias. Este grupo, liderado polo historiador e divulgador Xabier Moure, presentará aos concellos de Baralla, Becerreá e Cervantes unha proposta de valorización. Será o preludio da andaina que preparan para o 26 de agosto, a primeira das iniciativas que darán a coñecer a influencia desta conexión e a pegada que deixou na Montaña lucense. Logo dun intenso traballo de documentación, Moure agarda que o interese das administracións se materialice no acondicionamento da Vía XIX.

Segundo relata este investigador, a posta en valor desta ruta é un proxecto de anos, “aínda que decidimos atacalo de xeito máis metódico hai un par de anos”. O problema inicial era a imprecisión dos datos dos que dispoñían, así como a falta de consenso entre os autores de por onde atravesaba exactamente. A estrada romana estaba timidamente catalogada por Patrimonio, pois “ao longo dos séculos –a calzada data do ano 11 d.C.– foise modificando o itinerario, por novas vías e partes que desapareceron”.

Isto obrigou a recabar información. “Baseámonos sobre todo no sistema que empregaban os romanos para facer as vías, que terreos elixían”. “E despois –relata Moure– contamos cun montón de castros romanizados ao longo desta vía, e temos na zona máis de cento vinte explotacións mineiras de ouro da época romana”. Os datos son moi consistentes. “E contamos con expertos coma Antonio Rodríguez Colmenero que así o certifican”.

As explotacións de recursos mineiros foron clave para determinar o trazado, mais tamén outro tipo de achados. “En Cervantes descubrimos vestixios romanos, entre eles unha moeda e un recipiente con po de ouro, e xa este ano achamos unha vila romana chegando ás Pontes de Gatín, con muíños cerámicos e outros restos”. En Ouselle, relata, apareceu unha olería cun baixorrelevo do século I ou II, conservado no Museo Provincial de Lugo. E en Baralla, unha chea de aras romanas canda á Vía XIX.

Outra valiosa información chegou da toponimia rexistrada en escritos procedentes do Pazo de Fabal, entre os séculos XVI e XIX, que determinan a existencia deste treito do Camiño Francés como Camiño Romano. “É unha toponimia antiga, seguiron cos nomes de sempre”. E incluso cando a pegada desaparecera, puideron acceder material documental co que recuperar probas do trazado. “En Becerrea destruíron un xacemento á beira da A-6, pero contamos con fotos”.

A Vía XIX era parte da rede de conexións entre os tres conventos xurídicos de Lugo, Astorga e Braga. Dela partían vías secundarias “como acontece nas estradas actuais” de construcción máis precaria. Patrimonio dos Ancares ten constancia de tres grandes variantes. A primeira dende Comeal e enlazando co Fabal; a segunda, partindo de Baralla ata Láncara; e a que dende Navia de Suarna –onde salientan as 45 explotacións auríferas– enlazaba coa de Cervantes.

Vía Romana XIX en Cervantes | Colectivo Patrimonio dos Ancares
Vía Romana XIX en Cervantes | Colectivo Patrimonio dos Ancares

A Vía XIX segundo se aprecia nos mapas colle moitos treitos de camiños posteriores, incluso estradas. “É camiñable, pero hai que limpala e acondicionala”. Hai xa anos que se puxeron varios fitos, miliares, ao longo da ruta en Cervantes e Becerreá. Agora queren levar este traballo dende a sinalización cara a rehabilitación e a posta en valor. “Queremos involucrar ás administracións”, explica Moure. “Sabemos que os concellos están interesados”.

Os roteiros comezarán o 26 de agosto cun treito entre Comeal e Doiras. “Está ben, consérvase practicamente orixinal e se acondicionou por parte do Concello”. O colectivo comprobou que entre a entrada en Comeal e Pontes de Gatín, en Becerreá, atópase transitable.

Nesta andaina contarán coa intervención dun experto, dentro dos actos da Festa da Involución Educativa, pola defensa do ensino público de calidade na Montaña, organizada dende hai anos pola Anpa do CPI de Cervantes. “A principios do mes de setembro farase unha marcha ciclo-turística. Tamén confeccionamos uns dípticos e temos programadas varias charlas informativas”.

3 COMENTARIOS

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here