InicioEconomíaOs produtores comezan a preguntar pola oliveira cultivada en Lugo

Os produtores comezan a preguntar pola oliveira cultivada en Lugo

Costa de Lóngaras, en Abadín, convértese no primeiro viveiro da provincia de Lugo en comercializar oliveira autóctona

PUBLICADA O

- Advertisement -

Dende hai catro décadas, Costa de Lóngaras produce planta forestal e ornamental en Abadín. Herdando o negocio do pai, Jaime Fernández leva máis da metade dese tempo á fronte do viveiro. Asume na actualidade o reto de expandir o cultivo cara a oliveira autóctona, cun tímido interese de produtores galegos polas características diferenciais das variedades brava e mansa.

En tempos recentes, os cultivos principais desta explotación agroforestal baseáronse no piñeiro, o castiñeiro e o eucalipto, en distintas variedades. No referente a cultivos ornamentais contan cunha mestura de especies; a de máis volume, adicada para exportación, é a Araucaria araucana, da que presumen ter un dos cultivos máis grandes (cando non o que máis) de España.

A través de Asvinor, a Asociación de Viveiristas do Noroeste, a explotación foi seleccionada para a multiplicación de dúas variedades autóctonas de oliveira. A adhesión realizouse no marco dun convenio de Asvinor coa Fundación Juana de Vega, que atopou voluntarios en Costa de Lóngaras e A Revolta, en Cambre (A Coruña).

Case unha década de investigación 

Oliva autóctona | UVigo
Oliva autóctona | UVigo

O contrato de transferencia de material e licenza –non exclusiva– permitirá a estes centros reproducir e comercializar a oliveira. As dúas variedades autóctonas, Brava galega e Mansa galega, obtiveron esta denominación oficial en outubro de 2017 logo de seis anos de investigación. O Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) conta dende hai dous anos co financiamento da Fundación Juana de Vega para este programa.

Queda tempo aínda para comprobar o verdadeiro potencial comercial das variedades galegas. “Demanda de oliveira para produción non hai na zona, pero a xente comeza a chamar doutras zonas do sur de Lugo e Quiroga”, comenta Fernández. “Esta non é unha zona de produción de oliva coma pode ser o sur de España”.

Antes de identificar estas variedades, o común era mesturar castas de diversas orixes e características. “O CSIC seleccionou e rexistrou dúas variedades, e o resto serán identificadas e terán outras nomenclaturas dentro de pouco”. O rexistro de variedades é incipiente na provincia.

Duras condicións para a oliveira

Oliveira autóctona galega

Abadín ten a dificultade engadida das baixas temperaturas –en xaneiro aproximáronse a dez graos negativos– e, sobre todo, a alta humidade, que provoca enfermidades relacionadas coa aparición de fungos. A oliveira, certamente, gosta de sitios máis secos que esta localidade chairega.

Mentres que outros cultivos de Costa de Lóngaras poden medrar ao aire libre, as oliveiras quedarán instaladas en invernadoiros. O ciclo enteiro realizarase baixo protección; neste momento, as estacas están enraizando, e incluso na fase de crecimento pleno, permanecerán dentro. Fernández admite que existe a posibilidade de trasladar a oliveira en multiplicación a Cambre, onde as temperaturas son máis amábeis, se alí o cultivo é exitoso.

O outeiro central de Costa de Lóngaras abrangue dúas hectáreas. Tan só hai doce metros cadrados adicados á oliveira na mesa de multiplicación, un entorno controlado para a reprodución da planta. A situación podería cambiar, pois existe interese de varios compradores para adquirir de dous mil a tres mil oliveiras.

Pendentes das administracións

Traballos de recolección das olivas no lugar do Soldón en Quiroga | Xornal de Lemos
Traballos de recolección das olivas no lugar do Soldón en Quiroga | Xornal de Lemos

Preguntado por se constituirá unha alternativa de negocio, Fernández comenta que o ve “lonxano” pero “nada se descarta”. “Pode haber olivareiros de fóra de Galicia que lles interesen as características destas variedades para obter un aceite diferente, porque teñen cualidades distintas de todas as demais que hai rexistradas”.

A experiencia piloto permitirá dar a coñecer as virtudes das variedades de oliveira autóctona galega, como paso previo á introdución no mercado. “É un primeiro tiro para ver se se consolida, o que dependerá tamén de se hai axudas públicas para xente que se establece no rural con este cultivo”. Polo de agora, non houbo contactos con administracións locais ou provinciais para potenciar esta alternativa.

ÚLTIMAS

Morre nun parque de Lugo un home de 37 anos tras ser atopado semiiconsciente

Un home de 37 anos faleceu o sábado pola mañá en Lugo tras ser atopado...

A montaña de Lugo amence con neve e temperaturas inferiores a -2

Comarcas do leste galego, nas provincias de Ourense e Lugo, anotaron nas últimas horas...

A Deputación premiará con 1.600 euros ás mellores fotos das Reservas de Terra do Miño e Os Ancares

A Deputación de Lugo abriu xa a incripción ao VIII Concurso de Fotografía de...

Alertan en Lugo do risco de caída dun menor subido nunha cadeira a un balcón para “contar coches”

Axentes da Policía Local de Lugo desprazáronse, na mañá do pasado martes, a unha vivenda tras...