InicioSociedadePiden sacar do "abandono absoluto" a Torre de Caldaloba, unha das maiores...

Piden sacar do “abandono absoluto” a Torre de Caldaloba, unha das maiores xoias da Terra Chá

Unha vintena de asociacións da Terra Chá demanda á Xunta que cumpra as súas promesas para protexer o inmoble, Ben de Interese Cultural.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Torre de Caldaloba, tamén chamada castelo de Vilaxoán, é unha fortaleza con historia no pasado de Galicia. Este maltreito conxunto que hoxe se atopa na lista vermella do patrimonio cultural polo seu mal estado foi, hai uns 500 anos, propiedade do mítico mariscal Pedro Pardo de Cela, erixido como o último nobre galego resistente ante os ataques dos Reis Católicos. A Torre de Caldaloba sería, precisamente, o último punto no que a familia do mariscal tería resistido o asedio dos Reis Católicos unha vez Pardo de Cela foi decapitado. A torre resultaría logo desmantelada e descoidada ante a intemperie dos séculos.

Esa sería precisamente a cuestión que 19 entidades da Terra Chá e concellos limítrofes á mesma pretenden reverter agora. Baixo o título “Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a nosa historia”, estas asociacións veñen de convocar un acto reivindicativo o vindeiro sábado 22 de maio ante a propia torre para esixir á administración galega que faga efectivas “de inmediato” as medidas que “periodicamente vén prometendo para que o castelo de Vilaxoán ou Caldaloba pase a propiedade pública e leve a cabo a súa recuperación e posta en valor”.

BEN DE INTERESE CULTURAL

A mobilización chega ante o “estado de abandono absoluto” en que se encontra esta edificación, que, porén, ten a consideración de BIC desde 1985. Polo tanto exixen das administracións “recuperar o castelo de Caldaloba do proceso de deterioro e ruína” para así “garantir a súa conservación co obxectivo da súa posta en valor para descubrir e afondar no coñecemento histórico e no patrimonio colectivo do pobo galego”.

O acto, que segundo apuntan é aberto á participación da cidadanía, dará comezo ás 11.30h coas intervencións de Orlando Viveiro, divulgador do patrimonio da Terra Chá, que lembrará o importante patrimonio cultural e artístico presente na chaira lucense, e o mindoniense Antón Meilán, profesor emérito da Universidá d’Uviéu, que ten realizado estudos sobre os feitos históricos acaecidos na torre e, particularmente, sobre os feitos e a contextualización do sucedido en Caldaloba entre 1483-1485, con Constanza de Castro (filla do Mariscal Pardo de Cela) e Fernán Ares de Saavedra como protagonistas, e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza. O grupo Caivanca acompañará musicalmente a xornada.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...