InicioLugo e contornaLugoEsixen á Xunta que controle a "praga" dos xabaríns: "a responsabilidade non...

Esixen á Xunta que controle a “praga” dos xabaríns: “a responsabilidade non pode quedar nas mans dos cazadores”

A asociación Agromuralla asegura que "a invasión é bestial e xa se están a producir danos nas terras recén labradas de millo".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla esixe á Xunta de Galicia que, “no exercicio das súas competencias e responsabilidades”, adopte “medidas contundentes e definitivas para acabar coa praga dos xabaríns“. Agromuralla, que considera ao xabarín “unha auténtica praga”, pide á Xunta que así a declare e actúe contra ela “ao igual que o fai contra outras pragas, como a da vespa velutina, a couza guatemalteca da pataca ou a avispiña do castiñeiro”.

Agromuralla asegura que “a invasión é bestial e xa se están a producir danos nas terras recén labradas de millo“. “O número de xabaríns é tal que non esperan nin sequera a que o millo nacera para ir a el, senón que seguen os regos para desenterrar os grans xusto despois da sementeira”, denuncian. “O que os gandeiros labramos polo día desentérrano os xabaríns pola noite, perdemos a semente, o abono e o traballo. Se xa estamos a ter esta cantidade de danos a estas alturas non quero nin pensar o que ocorrerá cando o millo bote a espiga e se achegue ao momento da recollida”, asegura Roberto López, presidente de Agromuralla.

LEVANTANDO A SEMENTEIRA

Numerosos gandeiros das provincias da Lugo e da Coruña que comezaron nas últimas semanas a labrar o millo nas súas terras están a sufrir os “ataques” do xabarín aos cultivos, obrigando en moitos casos a volver a resementar as leiras e provocando cuantiosos danos e perdas económicas ás explotacións, denuncia Agromuralla, que lembra que o cultivo dunha hectárea de millo custa de media uns 1.200 euros.

En Galicia seméntanse unhas 70.000 hectáreas de millo forraxeiro cada ano, o que representa o 60% deste cultivo no conxunto do Estado. O millo é, xunto coa herba, a principal fonte para a alimentación do gando, sendo a produción de forraxes propias para autoabastecemento das granxas unha das vías para o incremento da rendibilidade das explotacións. “O único xeito que temos de abaratar os custos de produción as ganderías de leite é producindo as nosas propias forraxes, pero o xabarín é un atranco importantísimo. Provoca danos gravísimos nos cultivos e ensilaxes de peor calidade, o que nos obriga a mercar insumos, multiplicando así os gastos, máis aínda nun ano de subas nos custos dos cereais e as materias primas, que se materializou nunha escalada do 40% do prezo do millo e un 30% o da soia”, detalla Roberto López.

MEDIDAS INSUFICIENTES

A asociación de gandeiras e gandeiros acusa á Xunta de “non tomarse en serio o problema” e levar anos “non facendo caso ás queixas do sector agrogandeiro ante uns danos que van a máis cada ano”. “Pedímoslle á Xunta que actúe porque as medidas establecidas neste momento son claramente insuficientes para o control da praga. Non pode quedar exclusivamente nas mans dos cazadores a responsabilidade, a Administración tamén ten que implicarse”, defende Agromuralla.

“A Xunta fixo caso omiso ás advertencias dos gandeiros, non actuou a tempo e agora o problema está descontrolado. Medio Rural tira balóns fóra para Medio Ambiente e tanto unha como a outra consellería lávanse as mans”, asegura Roberto López, que considera que “non se trata só dun problema dos gandeiros, senón dunha praga que afecta ao conxunto da sociedade tanto porque os xabaríns provocan accidentes de tráfico e son un dos principais factores de sinistralidade vial nas estradas como polo risco de transmisión de enfermidades, como a peste porcina africana”, indica.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia e a tránsfuga Reigosa presentan a moción de censura

A moción de censura que arrebatará o goberno de Lugo ao bipartito de PSOE...

Moción de censura: O goberno local aluda á “indignación popular” contra a moción do PP

A presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz municipal na cidade, Elena Candia,...

María Reigosa non se presentará á praza de Litoral que vinculan ao seu apoio á moción de censura

A edil exsocialista do Concello de Lugo María Reigosa asegurou que non se presentará...

A Deputación inviste en Meira máis de 200.000€ para as obras en tres estradas

A Deputación vén de iniciar as obras de mellora do firme en tres estradas...