Un accidente “bastante forte” deixa a dúas persoas inconscientes en Vilalba

Ambos os coches chocaron de fronte e quedaron no medio da estrada.

Accidente viario na estrada Rábade-Vilalba. GARDA CIVIL

Dúas persoas foron evacuadas na noite deste pasado xoves con perda de consciencia tras verse implicadas nunha colisión frontal no municipio de Vilalba.

Así o informou o 112 Galicia, que indicou que este sinistro tivo lugar na estrada N-634 ao seu paso por Vilalba, ao chocar de maneira frontal dous turismos, o que se saldou con dúas persoas feridas de gravidade.

Ambos os implicados sufriron a perda de consciencia a consecuencia do impacto, que os bombeiros cualificaron como “bastante forte”, sinalaron as mesmas fontes. A pesar da mobilización dunha dotación, os efectivos do parque comarcal comprobaron que os ocupantes dos vehículos estaban liberados e accesibles, polo que colaboraron co equipo médico na estabilización dos feridos, especialmente debido á perda de consciencia que padeceron.

A activación deste operativo produciuse ás 23,00 horas deste xoves despois de recibir o 112 Galicia a chamada de alerta dunha persoa particular. Segundo explicou, ambos os coches chocaron de fronte e quedaron no medio da estrada, en Sancovade.