Home Política A Deputación de Lugo programa 140.000 euros ao PAI de Trabada e para un local comunitario en Ribeira de Piquín

A Deputación de Lugo programa 140.000 euros ao PAI de Trabada e para un local comunitario en Ribeira de Piquín

0
A Deputación de Lugo programa 140.000 euros ao PAI de Trabada e para un local comunitario en Ribeira de Piquín
A portavoz socialista do goberno da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, en rolda de prensa.. DEPUTACIÓN DE LUGO

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novos convenios de colaboración por case 140.000 euros para apoiar a reapertura do Punto de Atención á Infancia (PAI) de Trabada e para reconverter un inmoble en Ribeira de Piquín nun local comunitario para uso de veciños e emprendedores.

Así o detallou a portavoz socialista do goberno, Pilar García Porto, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno da institución provincial, onde explicou que o PAI de Trabada permanecía pechado desde facía dous anos por falta de nenos inscritos e retomou a súa actividade a mediados do mes de setembro deste ano, polo que este convenio permitirá contratar a un mestre e a un técnico de Educación Infantil.

Doutra banda, a Deputación aprobou un convenio de 200.000 euros coa Fundación Terreo de Ribeira de Piquín –100.000 euros achegados pola Deputación e outros 100.000 euros pola Fundación– para pór en marcha un taller comunitario nun inmoble situado no lugar de Montefurado.

O obxectivo é crear unha infraestrutura de apoio á actividade agroalimentaria local, que poida ser empregada polos veciños, pequenas explotacións agrarias, persoas produtoras e empresas da contorna que necesiten dun espazo acomodado para conservar e manipular os seus produtos.

Outro dos acordos no ámbito social foi adxudicar por 230.000 euros á empresa Veolia Servizos Norte Sau para a instalación de grupos electrógenos nos centros de atención ás persoas maiores que a institución provincial ten en Meira, Pol, Castroverde, A Fonsagrada, Ribas de Sil e Pedrafita do Cebreiro.

A finalidade é incrementar a súa capacidade de resposta ante posibles incidencias no subministro eléctrico e garantir así os servizos básicos e a atención aos usuarios.

PONTE RÍO NAVIA

Doutra banda, a xunta de goberno deu luz verde á adxudicación da redacción do proxecto para construír a nova ponte sobre o Río Navia, nun tramo da estrada LU-P-3501, en Navia de Suarna.

O proxecto, que se adxudicou por case 80.000 euros, servirá para recuperar unha conexión que permanece interrompida desde o pasado mes de xaneiro, cando as fortes precipitacións provocaron o derrubamento da ponte, deixando sen tráfico este acceso.

Ademais, acordou investimentos por máis de 600.000 euros para mellorar cinco estradas nos concellos de Monterroso, As Nogais e O Valadouro.

+ posts