A folga e a manifestación previstas para este sábado no sector do comercio da alimentación de Lugo foron desconvocadas tras acadar UGT un acordo para un novo convenio colectivo, unha decisión que a CIG critica por terse producido “de costas ás persoas traballadoras” e “fóra da comisión negociadora”. Segundo trasladou UGT nunha nota de prensa, o novo convenio terá vixencia ata 2029 e inclúe, entre outras medidas, un incremento salarial do 16 % ata ese ano, unha redución progresiva da xornada anual ata as 1.786 horas e “unha fin de semana de calidade cada tres meses”.
Así mesmo, o acordo establece a prioridade da xornada continuada nas tendas con horario de apertura ininterrompido que conten con polo menos 15 postos de traballo. Con este pacto, UGT Lugo considera que “se dá resposta a unha parte fundamental das reivindicacións formuladas durante a negociación”, cunha mellora salarial significativa e avances concretos en xornada, descanso, conciliación, vacacións e dereitos laborais.
“UNHA OPORTUNIDADE PERDIDA”
Pola contra, a CIG lamentou que este acordo supoña “unha oportunidade perdida” para lograr un convenio “substancialmente mellor”. Para a central sindical, UGT “antepón os intereses empresariais á mellora das condicións laborais e salariais do persoal” e, en lugar de sumarse a unha mobilización que “se prevía exitosa” e que “podería supor un punto de inflexión nas negociacións”, decidiu avalar un acordo que, ao seu xuízo, “segue deixando os salarios de Lugo á cola do país”.
A CIG tamén critica que o pacto continúe afondando na desigualdade respecto das condicións xa recoñecidas ao persoal das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense. Neste contexto, a central sindical salientou que o obxectivo da negociación non debería ser “simplemente mellorar o convenio anterior”, senón “avanzar na converxencia real das condicións co resto de Galicia”.