InicioSucesosPiden prisión permanente revisable para a nai da nena asasinada en Muimenta

Piden prisión permanente revisable para a nai da nena asasinada en Muimenta

A vista, con xurado popular, comeza o luns 7 de febreiro e participarán 22 testemuñas, 21 peritos, 16 axentes e tres facultativos ao longo de seis xornadas

PUBLICADA O

- Advertisement -

O xuízo polo crime da nena Desirée, asasinada na localidade de Muimenta –Cospeito, Lugo– cando tiña sete anos, chegará o vindeiro luns, día 7 de febreiro, á sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, onde sentará como única acusada, a súa nai, para quen as acusacións piden a prisión permanente revisable.

A vista oral está fixada para seis xornadas, entre o 7 e o 14 de febreiro, pouco antes de que se cumpra o terceiro aniversario do crime, ocorrido o 3 de maio de 2019. Para tratar de esclarecer o sucedido, pola sala transitarán, ademais da acusada, 22 testemuñas, 21 peritos, 16 axentes da Garda Civil que participaron na investigación e tres facultativos.

Xulgarao, como está fixado que sexa cun caso desta tipoloxía, un xurado popular, que será escollido polas partes de entre os candidatos congregados e citados por sorteo, o primeiro día.

Desirée Leal, que tiña 7 anos no momento da súa morte, foi achada sen vida na casa da súa nai, situada en Muimenta, localidade do concello lugués de Cospeito, o 3 de maio de 2019. A nai da pequena atópase en prisión provisional, comunicada e sen fianza como única acusada do crime.

Ademais de Fiscalía, no caso tamén están personados como acusación particular o pai da nena, José Manuel Leal, e como popular a Fundación Amigos de Galicia. Nos tres casos, solicítase a prisión permanente revisable para a nai da nena, como autora dun delito de asasinato con aleivosía, concorrendo as agravantes de parentesco, pero con atenuante de anomalía ou alteración psíquica.

Así mesmo, Fiscalía e acusación popular solicitan unha indemnización de 300.000 para o pai da pequena, mentres que a particular pide 120.000 euros.

PLAN PARA O ASASINATO

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba, que investigou a causa, considerou que das probas realizadas despréndense indicios de que a sospeitosa argallou un plan para acabar coa vida da súa filla, de 7 anos, algo que tamén inclúe a Fiscalía no seu escrito de acusación.

O Ministerio Público estima que, para levar a cabo este “macabro plan”, a muller forneceu á pequena, antes do 2 de maio e nunha data indeterminada, un “potente fármaco” chamado ‘trazodona’, co fin de adormentala para acabar coa súa vida. Con todo, alega, non conseguiu “que a menor tomase a cantidade que ela requiría”.

Na madrugada do 2 ao 3 de maio, prosegue o Fiscal, mentres a nena durmía na mesma cama que ela, a nai “agarrouna coas súas mans por ambos os lados do pescozo, con suma violencia, para asfixiala”. Do mesmo xeito, presionou “con toda a súa forza a boca e o nariz da pequena, ata lograr que deixase de respirar”.

A nena, segundo a investigación, “chegou a espertarse e tratou de defenderse”, aínda que sen logralo. Faleceu por asfixia mecánica e oclusión dos orificios respiratorios.

A acusada foi diagnosticada dun trastorno da personalidade de tipo mixto e dun trastorno psicótico non orgánico non especificado, que puido “afectar de maneira parcial” ás súas capacidades durante os feitos.

ÚLTIMAS

Javier Ferreiro, polbeiro: “Trouxemos 20 toneladas de polbo para o San Froilán, case nada que picar”

Do 5 ao 12 de setembro Lugo convértese no lugar de Galicia idóneo para comer, compartir...

Tarxerta verde da UNESCO para o Xeoparque Montañas do Courel

O Xeoparque Montañas do Courel que comprende os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e...

O goberno de Lugo celebra o aval xudicial á demolición do Garañón

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, celebrou este mércores que as tres sentenzas que...

Lugo aproba inicialmente o novo plan de emerxencias municipal

O Executivo local aprobou inicialmente o novo plan de emerxencias municipal, un documento aberto...