InicioSucesosO día despois no Ceao: as consecuencias do incendio impiden a volta...

O día despois no Ceao: as consecuencias do incendio impiden a volta á normalidade no polígono

Tres naves quedaron completamente calcinadas e outras víronse afectadas polas chamas. Empregados de empresas non danadas directamente non poden volver ao traballo pola mala calidade do aire.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta desactivou na medianoite deste luns o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) tras darse por controlado o incendio industrial que calcinou por completo unha nave situada no Polígono do Ceao en Lugo e danou outras dúas durante a xornada do pasado domingo.

Na mañá deste luns o lume está controlado, aínda que non extinguido, polo que os servizos de emerxencia continúan traballando no lugar, informou o 112.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar, ata cinco edificacións foron afectadas polas chamas ou polo fume desprendido durante o incendio, pero ningunha persoa resultou ferida.

Ademais, o 112 sinalou que debido á presenza de focos aínda activos no interior das naves afectadas, no punto permanecen os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento de Lugo e tamén membros do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias.

De feito, durante toda a noite, o GALI apoiou os servizos de emerxencia alí desprazados na subministración de auga, grazas á achega de dous camións cisterna, sinalaron as mesmas fontes. Tamén foron empregados equipos de iluminación do Grupo de Apoio Loxístico para facilitar a visibilidade na zona e a unidade de drons, co fin de dimensionar os danos.

Desde a comunicación do incidente por parte dos axentes da Policía Nacional ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, sobre as 6,30 horas deste pasado domingo, o operativo formado polos Bombeiros de Lugo e Vilalba, persoal de incendios forestal da zona, membros do GALI e axentes da Policía Nacional e Local traballaron arreo para controlar o incendio.

Ademais, para prestar apoio aos equipos de intervención, os xestores do 112 tamén pasaron aviso autoridades ambientais da Xunta e solicitouse, por precaución, a presenza dos servizos sanitarios.

A MALA CALIDADE DO AIRE PARALIZA A ACTIVIDADE

Por outra banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicou que esta mañá se realizaron medicións da calidade do aire en empresas que non se viron afectadas directamente. Os resultados amosan que as condicións non son boas para que os empregados poidan regresar ao traballo.

Realizouse un “control das emisións de CO2” naquelas empresas que non resultaron “directamente afectadas” polo incendio e “nalgunhas terán que pasar uns días” para que os seus empregados poidan volver traballar no seu interior.

Ademais, a rexedora local tamén informou de que o xefe do servizo de Arquitectura municipal inspeccionou hoxe as naves afectadas polo lume, precisamente para avaliar o estado das estruturas que aínda se manteñen en pé e garantir a seguridade, en previsión de posibles derrubes.

UXT

Á súa vez, o secretario en Lugo de UXT, Ángel Tomé, instou ás aseguradoras a que “apuren” as indemnizacións ás empresas afectadas. O sindicato velará por que as consecuencias do lume non cheguen ao centenar de traballadores de ditos negocios. “As direccións das empresas afectadas teñen que porse ao choio xa coas aseguradoras e coas administracións para apurar o máximo posible que se cubran os danos e volva a actividade a estas empresas canto antes”, dixo.

O secretario provincial da UXT cualificou de “lamentable” este suceso no “polígono de referencia” de Lugo, con seis empresas afectadas e máis de 100 traballadores. “Temos que velar por que ese incendio que causou eses danos materiais graves, que afortunadamente foron só danos materiais, non se vexa reflectidos en que os traballadores teñan problemas non causados por eles”, indicou.

ÚLTIMAS

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...

Unha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello...

O TS confirma que Ana Sandamil matou a súa filla para danar a súa ex parella e pai da nena

O Tribunal Supremo (TS) confirmou a condena de prisión permanente revisable a Ana Sandamil polo asasinato,...