InicioSociedadeO HULA estrea unha UCI pediátrica independente de Neonatoloxía con tres boxes...

O HULA estrea unha UCI pediátrica independente de Neonatoloxía con tres boxes illados

A reforma, cun investimento superior aos 150.000 euros, reorganiza toda a área pediátrica do hospital lucense para mellorar a privacidade, a seguridade e a atención dos menores críticos e das súas familias.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) conta xa cunha Unidade de Coidados Intensivos Pediátricos independente da Unidade de Neonatoloxía, unha reorganización que permite separar os espazos destinados aos recentemente nacidos daqueles reservados para nenos e nenas de maior idade e mellorar as condicións de atención aos pacientes pediátricos en estado crítico. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou este mércores as novas instalacións acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares. A actuación supuxo un investimento de máis de 150.000 euros.

A reforma permitiu crear unha UCI pediátrica con tres boxes independentes e illados, ademais dunha sala de técnicas. Cada posto conta con arredor de 20 metros cadrados e está conectado cun control central de enfermaría desde o que se mantén visión directa sobre as distintas áreas asistenciais. A unidade incorpora tamén espazos de traballo específicos para os profesionais e zonas de descanso, co obxectivo de facilitar unha atención máis funcional e adaptada ás necesidades dos pacientes.

UNHA REORGANIZACIÓN “PENDENTE DESDE HAI ANOS”

Os traballos non se limitaron á UCI pediátrica, senón que permitiron acometer unha reordenación integral da área de Pediatría do HULA, unha actuación que, segundo destacou Ramón Ares, “estaba pendente desde hai anos”. A intervención incluíu a adecuación da Unidade de Neonatoloxía, a mellora da área de hospitalización de lactantes e a creación dunha sala específica de lactación.

Tamén se separou esta área da zona de partos e incorporáronse á actividade asistencial espazos que ata agora estaban destinados a usos administrativos. A reforma suma ademais unha zona de estar para os familiares, pensada para ofrecer maior privacidade e comodidade durante a hospitalización de menores que atravesan situacións clínicas graves. Desde a Xunta destacan que esta nova distribución non só mellora a organización interna, senón que permite avanzar cara a unha atención máis humanizada tanto para os nenos e nenas como para as súas familias.

108 MENORES INGRESADOS ATA XULLO

A nova distribución mantén a dotación de persoal coa que xa contaba a unidade: tres profesionais de enfermaría e dous auxiliares por quenda. O cambio, con todo, facilita unha organización máis funcional dos equipos e unha atención máis diferenciada segundo as necesidades de cada paciente. A UCI pediátrica mantén unha importante actividade asistencial. Ata o pasado mes de xullo ingresaron nela 108 nenos e nenas, cunha estadía media de 3,28 días. O HULA é, ademais, o centro de referencia para os pacientes pediátricos críticos de toda a área sanitaria de Lugo, tal e como lembrou Gómez Caamaño durante a visita. A actuación enmárcase na estratexia do hospital para reforzar a atención infantil. Neste contexto, o centro lucense puxo tamén en marcha recentemente a primeira Neuroescola de Galicia e a segunda de España.

MÁIS FUNCIONALIDADE, PRIVACIDADE E SEGURIDADE

O conselleiro destacou que a nova organización supón “un cambio moi importante na organización e na calidade da atención” pediátrica. Segundo Gómez Caamaño, a reforma achega “máis funcionalidade, privacidade e seguridade”, ao tempo que permite ofrecer unha atención máis próxima e humanizada aos menores ingresados e ás súas familias. Durante a visita, o responsable de Sanidade felicitou tamén o servizo de mantemento do hospital, encargado de executar a obra sen interromper en ningún momento a actividade asistencial.

UN NOVO ACELERADOR DE RADIOTERAPIA, ENTRE AS PRÓXIMAS INCORPORACIÓNS

O HULA celebra este ano o seu 15º aniversario cun balance que supera os seis millóns de consultas desde a súa apertura. Neste período, o hospital rexistrou ademais máis de 357.000 ingresos, preto de 257.000 intervencións cirúrxicas e arredor de 20.000 nacementos. Entre as próximas incorporacións previstas figura un novo acelerador lineal de radioterapia, que será o primeiro de Galicia con capacidade para realizar radioterapia adaptativa.

O equipamento suporá un investimento de 2,7 millóns de euros e permitirá ampliar as capacidades asistenciais do hospital no tratamento oncolóxico. Gómez Caamaño asegurou que a Xunta continuará traballando para que o HULA siga reforzando o seu papel como hospital de referencia e ampliando os seus servizos. Coa nova UCI pediátrica, o centro dá agora un paso máis nesa dirección, cunha área específica e diferenciada na que os menores críticos deixan de compartir distribución coa Unidade de Neonatoloxía e pasan a contar con espazos propios, independentes e adaptados ás súas necesidades.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia presume do éxito do Caudal Fest tras xuntar a “40.00 persoas”

O Caudal Fest pechou este fin de semana a súa oitava edición con preto...

O PP denuncia que Lugo sexa “a única provincia sen posto principal da Garda Civil”: “É unha discriminación máis”

Os senadores lucenses do PP, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano,...

A Fiscalía eleva a 12 anos e medio a petición de cárcere para o acusado de maltratar e agredir sexualmente a filla de 4...

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este luns o xuízo contra un home acusado...

Acusado de introducir droga no cárcere de Bonxe tras regresar dun permiso penitenciario

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá o vindeiro venres a audiencia preliminar do caso...