O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou este venres nun comunicado que, ás portas de finalizar o mes de agosto, a alcaldesa segue sen convocar un pleno extraordinario para desbloquear a situación económica do Concello, “que mantén pendentes de pago máis de 2,7 millóns de euros en facturas”, tal e como estiman os nacionalistas.
Así, denunciou que centos de autónomos e pequenos empresarios continúan sen cobrar polos servizos prestados ao Concello “a pesar de que a tramitación administrativa das facturas xa está finalizada”.
Arroxo explicou que o BNG expuxo a convocatoria dun pleno extraordinario precisamente para abordar esta situación “inédita” e dar saída ao pago das facturas pendentes, pero que a alcaldesa “nega, por decisión política, o pago a 542 autónomos e pequenos empresarios de Lugo”. Segundo sinalou, no últimos catro meses o Goberno municipal non levou ningunha destas facturas ao pleno para a súa aprobación.
O nacionalista incidiu en que existen centos de facturas cuxos expedientes administrativos levan catro meses finalizados e que, a pesar diso, o Goberno municipal non os incluíu en ningunha sesión plenaria, afectando a 542 provedores “que están sen cobrar polos traballos e servizos realizados”.
Arroxo advertiu ademais de que a falta de convocatoria dun pleno durante o mes de agosto atrasará aínda máis os pagos. “Estas persoas non poderán cobrar, como mínimo, ata outubro, xa que o próximo pleno está previsto para o 24 de setembro. Isto suporía un atraso de ata cinco meses desde que os expedientes administrativos quedaron completamente tramitados”, explica.
O BNG lembra que as facturas poderían incluírse nas sesións plenarias celebradas durante os meses de maio, xuño e xullo, posto que os trámites administrativos xa estaban finalizados. “Non se fixo e o Goberno segue castigando aos autónomos e pequenos empresarios desta cidade”, criticou Arroxo.
