InicioSociedadeCinco anos de prisión para o profesor de música de Lugo condenado...

Cinco anos de prisión para o profesor de música de Lugo condenado por agredir sexualmente unha alumna de 9 anos

A Audiencia Provincial considera probado un delito continuado de agresión sexual por tocamentos reiterados a unha menor no colexio de Albeiros, aínda que non ve acreditadas as denuncias doutras catro nenas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco anos de prisión o profesor de música do colexio de Albeiros xulgado por agresión sexual a varias menores no centro. En concreto, a sentenza declárao autor dun delito continuado de agresión sexual por tocamentos reiterados de carácter sexual a unha das súas alumnas, de nove anos.

Ademais da pena de cárcere, impónselle a inhabilitación para exercer calquera profesión, oficio ou actividade, remunerada ou non, que implique contacto habitual e directo con menores durante 10 anos. O tribunal tamén o condena a seis anos de inhabilitación absoluta, á prohibición de achegarse á vítima e de comunicarse con ela por calquera medio durante 10 anos, así como ao pagamento dunha indemnización de 3.000 euros á menor afectada. O fallo, pola contra, non considera acreditado que as outras catro menores que presentaron denuncia de forma particular sufrisen o mesmo trato sexual.

UNHA ALUMNA DE 9 ANOS

O docente, de 49 anos, estaba acusado de realizar tocamentos de carácter sexual a unha das súas alumnas de nove anos durante o transcurso das clases e en presenza doutros nenos. Tamén se investigou se esa conduta se repetira con outras catro nenas de dúas aulas de cuarto curso. O Ministerio Fiscal solicitaba unha pena de cinco anos e medio de prisión polo caso da única nena cuxa declaración foi admitida como válida. Pola súa banda, as acusacións particulares pedían seis anos por cada unha das menores e 6.000 euros de indemnización por danos morais.

Aínda que inicialmente se falou de cinco nenas de entre nove e dez anos como autoras das denuncias, a Fiscalía só tivo finalmente en conta a declaración dunha delas, aínda que as outras catro tamén se personaron como acusación particular. Durante o xuízo, a representante do Ministerio Fiscal centrou a súa argumentación na validez dos testemuños das menores, aos que outorgou “plena credibilidade”, especialmente no caso da única nena cuxa declaración foi considerada “consistente e detallada”.

UN TESTEMUÑO CONSIDERADO FIABLE

A sala entende tamén que o relato desa menor “cumpre todos os criterios que a xurisprudencia esixe para considerar o testemuño fiable”. Na sentenza, os maxistrados subliñan que a declaración “goza de coherencia externa” e que a súa narración se ve reforzada por outras probas e feitos periféricos, así como pola proba pericial, “que tamén reforza a versión da menor”. O propio fallo recolle que “non cabe dúbida, tras valorar o testemuño da menor en conxunción co resto da proba practicada, de que o acusado levou a cabo as accións descritas”.

Por outra banda, os maxistrados indican que “non resulta debidamente acreditado” que as outras catro menores sufrisen tocamentos do acusado nin que sobre elas se desenvolvesen accións con significación sexual. O tribunal puntualiza que iso “non significa que as menores digan inverdades”, senón que a proba existente é insuficiente para ditar un pronunciamento condenatorio, o que obriga a aplicar o principio in dubio pro reo.

A DEFENSA APOIOUSE NA PRESUNCIÓN DE INOCENCIA

Durante o xuízo, o profesor foi cuestionado por determinados comportamentos no contexto das clases, así como polo feito de que varias menores manifestasen rexeitamento a asistir á aula antes de que se fixesen públicas as acusacións. A defensa, pola súa banda, baseou a súa estratexia na presunción de inocencia do acusado. Os seus argumentos apoiáronse, en boa medida, nos informes psicolóxicos do Imelga, nos que se apuntaban posibles influencias entre menores e a ausencia de indicios claros de dano psicolóxico significativo.

Tamén sostivo que non existía un “patrón” definido nas condutas denunciadas e que os peritos recoñeceran a existencia de dúbidas, ademais de poñer de relevo posibles compoñentes de lealdade entre as menores. A defensa xustificou algunhas das actuacións do docente no contexto habitual dunha aula de música, onde, segundo alegou, os nenos “veñen a xogar”. A condena non é firme, xa que admite recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

+ posts

ÚLTIMAS

Miguel Fernández acusa a Candia de poñer en risco proxectos estratéxicos para Lugo

O portavoz socialista traslada aos veciños e veciñas que non permitirá que a parálise...

Condenado a un ano de cadea por maltratar á súa parella mais queda eximido de violación

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a un ano de cárcere a un home...

Inician en Pastoriza o estendido do aglomerado na estrada de Meira a Fonmiñá

  A Deputación de Lugo vén de iniciar o estendido do aglomerado en quente na...

Declaración negativa para o parque eólico ‘Navallos’, entre Castroverde e Baralla, por efecto sobre avifauna

A Xunta formulou declaración de impacto ambiental desfavorable ao proxecto de parque eólico 'Navallos',...