O programa Lugo Tansforma acaba de incorporar a novena empresa que se beneficiará deste fondo financeiro que busca diversificar o tecido industrial do municipio e promover a creación de emprego de calidade.
Así, a nova empresa beneficiaria é Equipzilla, S.L., fundada en 2020 en Barcelona por Andrés Pla e que trasladará a súa sede social a Lugo, concretamente á rúa Montero Ríos. É o primeiro marketplace español especializado no aluguer de maquinaria industrial e materiais de construción.
“A súa plataforma dixital conecta usuarios e provedores, permitindo aforros significativos de tempo e custos grazas á centralización de información sobre prezos e dispoñibilidade”, explicou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, durante a presentación da mesma.
O CEO da empresa e fundador foi o encargado de presentar o proxecto de crecemento, que conta actualmente con 8 traballadores, pero que ten un plan de desenvolvemento para chegar a ter un persoal de máis de 50 nos próximos anos, comezando pola incorporación de 4 neste primeiro ano.
O sector do aluguer de maquinaria industrial, no que opera Equipzilla, está formado por aproximadamente 3.700 empresas, cunha facturación anual conxunta superior aos 3.500 millóns de euros. Nos últimos anos, este sector consolidado mostrou un crecemento anual sostido, impulsado pola demanda en sectores como a construción, a industria e os eventos. “Espérase que esta tendencia se manteña cunha taxa de crecemento anual superior ao 5% ata 2029”, sinalou Pla.
A compañía tamén desenvolveu un SaaS (Software as a Service) que monitora equipos en tempo real, integrando a súa xestión con sistemas ERP e CRM. Este servizo facilita tanto o control operativo como a eficiencia para os alquiladores. A alianza con GAM España, líder no sector, e unha aposta pola tecnoloxía e a Intelixencia Artificial, son algunhas das ferramentas crave que destacaron “para afrontar os retos de futuro”.
INVESTIMENTO DE 400.000 EUROS
O fondo Lugo Transforma destinou un investimento de 400.000 euros á incorporación de Equipzilla, que dirixirá este capital a desenvolver novos produtos, mellorar as accións de mercadotecnia, expandir a súa capacidade comercial e contratar novo persoal. Neste último apartado, Pla explicou que se aposta pola tecnoloxía para seguir ampliando.
Pola súa banda, a alcaldesa, Paula Alvarellos afirmou que “proxectos como o de Equipzilla representan unha aposta decidida pola transformación tecnolóxica e pola sustentabilidade, principios que guían o futuro” que quere para Lugo. Segundo recalcou, “este tipo de iniciativas contribúen non só ao desenvolvemento económico local, senón tamén a consolidar un modelo produtivo máis verde e eficiente.”
O “SOCIO IDEAL”
Jorge Leiro, analista de investimentos de Torsa Capital, destacou que este é o primeiro ‘marketplace’ do fondo e nun “nicho tan concreto”. Segundo defendeu, “Equipzilla é o socio ideal para levar a cabo uno dos retos máis importantes que ten o sector, que é precisamente a dixitalización e o aproveitamento das novas tecnoloxías”.
O Fondo Lugo Transforma, impulsado polo Concello de Lugo cunha achega inicial de 12 millóns de euros, busca diversificar o tecido produtivo local, fomentar a creación de emprego de calidade e atraer proxectos sustentables que promovan a fixación de poboación.
A alcaldesa lembrou que, ata a data, presentáronse un total de 90 proxectos, “todos moi atractivos”, dos que 13 atópanse en fase de análise ou seguimento. Con 2.610.000 euros materializados en 9 empresas participadas, o fondo contribuíu á creación de preto de 250 postos de traballo directos no municipio: LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway, Boldest, Monkey Markets, DosDog, Himikode Tech e, agora, Equipzilla.
Jorge Leiro avanzou que a previsión é investir ao redor de 8 ou 9 millóns de euros directamente nas empresas participadas, polo que as previsións apuntan a que se utilizarán os 6 meses de prórroga previstos no acordo inicial, para finalizar os investimentos en decembro de 2026, “antes de comezar o proceso de desinversión”.