InicioSociedade"Tentábame forzar todos os días a ter relacións sexuais", pena de cárcere...

“Tentábame forzar todos os días a ter relacións sexuais”, pena de cárcere para un home por abuso e malos tratos familiares

A Sala considera como atenuante unha alteración psíquica do acusado pola súa intelixencia límite.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco anos e nove meses de cárcere a un home de 40 anos, natural dunha aldea de Meira, por abusos sexuais reiterados á que era a súa parella, incluído durante a corentena posparto. Durante o xuízo, a súa exparella acusou o home ante a xuíza de tentar forzala durante anos “todas as noites”. Relatou que a obrigaba a “manter relacións sexuais diarias durante anos” a cambio de “poder realizar vida social” para saír de casa co seu fillo.

“Tentábame forzar todos os días, todas as noites, constantemente. Mesmo diante do neno ou xusto despois de dar a luz. Era un acosador, tratábame como un obxecto sexual”, manifestou entre bágoas. Fiscalía pedía unha pena acumulada de 15 anos, aínda que agora foi condenado a case seis. O home foi condenado como autor de: un delito de abuso sexual consistente en acceso carnal por vía vaxinal sen consentimento da vítima; doutro delito continuado de abusos sexuais, concorrendo a circunstancia agravante de parentesco e a atenuante de anomalía ou alteración psíquica; e dun delito de malos tratos familiares, coa atenuante de anomalía ou alteración psíquica.

Ademais, impúxolle a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da vítima, domicilio, lugar de traballo ou calquera outro lugar frecuentado por ela, así como comunicarse con ela por calquera medio durante sete anos e nove meses, e a medida de liberdade vixiada durante o mesmo período. Deberá pagar 3.780 euros como multa. En concepto de responsabilidade civil, imponlle o abono dunha indemnización de 10.000 euros.

FEITOS PROBADOS

O tribunal considera probado que, en 2016, durante a corentena postparto, o acusado penetrou á súa parella contra a súa vontade, sen que a resistencia desta, empuxándolle, puidese impedilo.

O resto dos feitos que se estiman probados, segundo indican os maxistrados na sentenza, consisten en tocamentos á vítima contra a súa vontade, sen que conste que existise acceso carnal. “Neste caso, estímase probado que durante a convivencia, todas as noites, na cama, o acusado baixáballe a roupa á vítima e tocábaa co fin de manter relacións sexuais, a pesar da oposición desta, chegando a vítima nunha época a trasladarse á habitación do seu fillo para evitar as insistentes pretensións sexuais do acusado, o que non impedía que o acusado a sometese a continuos tocamentos para satisfacer o seu desexo sexual cando durante o día atopábase con ela no domicilio, a pesar de mostrar a súa parella o seu rexeitamento, tocamentos que se producían en ocasións en presenza de familiares e mesmo fose do domicilio en presenza de amigos da parella”.

A Sala considerou probado que o acusado ten unha intelixencia límite e escasa formación, achándose as súas facultades cognoscitivas levemente limitadas. Na resolución, os xuíces indican que o relato da vítima é “persistente, sen contradicións nin ambigüidades ao longo do procedemento“. Ademais, destacan que existen “corroboracións periféricas que, analizadas en conxunto, contribúen a reforzar o testemuño da vítima”.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...