InicioSociedadeCáritas advirte da existencia dunha "feminización da pobreza" na cidade durante o...

Cáritas advirte da existencia dunha “feminización da pobreza” na cidade durante o 2023

O informe sitúa a Lugo como a provincia con maior número de fogares con todos os seus membros en paro, o 8,39 % do total.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Cáritas Diocesana de Lugo alertou este xoves, durante o acto de presentación dos datos recolleitos na memoria do ano 2023 da organización, da existencia dun fenómeno de “feminización da pobreza” na provincia. Así o explicou en rolda de prensa a directora da entidade, Amparo González, que revelou que “o 60 % dos beneficiarios” de todos os programas impulsados en 2023 por Cáritas no ámbito de actuación da Diocese de Lugo eran mulleres. “A pobreza afectou desproporcionadamente á muller, polo que se pode dicir que hai unha feminización da pobreza”, sinalou.

Outro dos datos máis rechamantes recolleitos no informe anual é o relativo ás taxas de desemprego rexistradas nas unidades familiares da provincia, e é que Lugo conta, de acordo aos datos recompilados por Cáritas, cun “8,39 % dos seus fogares” coa totalidade dos seus membros en paro. A memoria presentada, que indica tamén que “un de cada catro galegos estivo en risco de pobreza e exclusión social no ano 2023”, revela que a situación de vulnerabilidade afectou máis as familias con fillos, fillas ou adolescentes ao seu cargo.

“O 27 % das parellas con fillos estaban en risco de exclusión social en 2023 fronte ao 18 % das parellas sen fillos”, subliñou Amparo González, para acto seguido agregar que esas porcentaxes se disparan no caso das familias numerosas (47 %) e monoparentais (49 %). Catro de cada dez persoas migrantes, agregou, atopábanse o ano pasado en “situación de vulnerabilidade”.

PROGRAMAS

Segundo os datos facilitados pola propia organización, no ano 2023 Cáritas Lugo prestou atención de maneira directa a 7.500 persoas e a 24.698 de forma indirecta a través dunha vintena de programas desenvolvidos no ámbito da súa Diocese, que transcende os límites da propia provincia. Programas centrados en tres eixos principais e transversais, “vivenda, emprego e educación”, aos que a organización destinou un investimento total anual de 2.645.000 euros, ademais de contar co apoio ou a colaboración de administracións públicas, institucións e sociedade civil.

“O 2023 foi un ano cheo de grandes desafíos e de significativos logros”, sintetizou, a modo de balance da memoria presentada, a directora de Cáritas Diocesana de Lugo, acompañada durante o acto pola secretaria xeral de Cáritas, Mónica Yáñez, e polo delegado episcopal, Antón Negro. “Desde Cáritas Diocesana de Lugo queremos reiterar o noso compromiso con todas as persoas en risco de vulnerabilidade e exclusión social. Imos seguir traballando e acompañando ás persoas que neste momento máis o necesitan”, finalizaron desde a organización, antes de pechar o acto detallando os actos programados con motivo da campaña do Día da Caridade, que se celebrará na cidade de Lugo os días 29, 30 e 31 de maio.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...