InicioSociedadeA Fiscalía pide dous anos e medio de cárcere para un preso...

A Fiscalía pide dous anos e medio de cárcere para un preso de Bonxe por agredir a un funcionario que lle pediu usar a máscara

A defensa denuncia na vista a "desproporción" da pena solicitada e reclama unha sentenza absolutoria.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Xulgado do Penal número 1 de Lugo acolleu este martes a celebración do xuízo contra un home acusado de agredir no cárcere de Bonxe a un funcionario de prisións que lle solicitou porse a máscara na cela ao ser diagnosticado como positivo en Covid-19. Os feitos xulgados tiveron lugar o 2 de marzo de 2022, cando de acordo ao recolleito no escrito fiscal, o imputado, un home de 34 anos que cumpría condena no citado centro penal, foi requirido polos funcionarios de prisións a que “cesase na súa conduta de proferir berros, pechase a xanela e colocásese a máscara hixiénica”.

O acusado, que se atopaba en réxime de illamento sanitario no módulo de ingresos en cumprimento do protocolo Covid, fixo caso omiso á petición dos funcionarios (segundo o escrito de acusación) e tras proferir diversas ameazas abalanzouse sobre os traballadores unha vez que estes ingresaron na cela provocándolle a un deles lesións leves. Na vista celebrada este martes a xuíza tomou declaración ao acusado, que interveu por videoconferencia, e a dous dos funcionarios de prisións que ingresaron na cela para reducir ao home.

O imputado recoñeceu na súa exposición presentar “un pouco de resistencia” e lanzar “algunha patada ao aire” froito do estado de “ansiedade” no que se atopaba xa que, asegurou, “estaba illado e recibindo unha malleira tremenda”. Negou, con todo, ameazar aos funcionarios dicindo: “Se tedes ovos pasar e póndesme vós a máscara”, como recolle o escrito fiscal.

O funcionario de prisións que desempeñaba aquela tarde a tarefa de xefe de servizos, e que sufriu unha contusión no seu pé dereito mentres trataba de reducir ao acusado, precisou que o home se atopaba “moi alterado” aquel día, ratificouse na súa descrición do feitos pero renunciou á indemnización que puidese corresponderlle. O segundo dos funcionarios presentes no altercado explicou que o imputado ameazoulles asegurando que o seu pai os mataría na rúa e que “se abalanzou” sobre eles unha vez que procederon a entrar na cela.

FASE DE CONCLUSIÓNS

O Ministerio Público ratificouse na fase de conclusións na súa petición de dous anos e medio de cárcere para o acusado por un presunto delito de atentado a funcionario público en concurso cun delito leve de lesións. O fiscal destacou que o acusado non puido ser vítima dunha malleira por parte dos funcionarios xa que “non presentou ningunha denuncia” nin existe “informe médico algún do centro penal acreditando tales lesións”. O feito de que o funcionario que resultou ferido renuncie á indemnización demostra, sostén a Fiscalía, que non existe interese algún en prexudicar ao imputado.

A letrada da defensa, pola súa banda, fixo un chamamento na fase de conclusións a “avaliar todas as circunstancias”. Precisou que o home se atopaba no momento da presunta agresión en plena “crise convulsiva propiciada pola febre”, que a presenza de ata catro funcionarios na cela resultaba “intimidatoria” e que a pena solicitada pola Fiscalía resulta “desproporcionada”. O acusado puntualizou na súa última intervención que aquel día non puidera tomar a “medicación” recetada para os seus “trastornos mentais” e que en ningún momento tivo a intención de “pegar nin lesionar a ninguén”. O xuízo quedou este martes visto para sentenza.

+ posts

ÚLTIMAS

Xunta e Deputación de Lugo avanzan no consenso sobre o anteproxecto da Lei de Administración Local

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de...

Dous homes sentan no banco da Audiencia Provincial por unha pelexa con pa e aixada que acabou coa perda dun ollo na Fonsagrada

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo xulgará este martes, 21 de abril,...

O poemario “Agora, eu cariota” preséntase no Club de Lectura de Lugo

A presentación do poemario "Agora, eu cariota" no Vello Cárcere de Lugo contará coa...

Rueda “define” o xornalismo de proximidade como “preguntar, escoitar e contrastar” na entrega dos Puro Cora

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este xoves na entrega do XXXIII Premio...