InicioSociedadeO PAC e a base do 061 comezarán a funcionar este mércores...

O PAC e a base do 061 comezarán a funcionar este mércores no novo Centro Integral de Saúde de Lugo

A xerencia da área sanitaria de Lugo recoñece que o centro de saúde de Viveiro tivo "xornadas con moitísimas dificultades".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Punto de Atención Continuada (PAC) e a base do 061 comezarán a funcionar este mércores 22 de novembro, a partir das 15.00 horas, nas instalacións do novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Lugo, situado no barrio da Residencia. Así o anunciou este luns o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, nunha rolda de prensa celebrada no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) da capital.

Ambos os servizos, que ata agora estaban situados e prestaban asistencia sanitaria de urxencia no centro de saúde de Fingoi, serán os primeiros en entrar en funcionamento nas dependencias do novo Centro Integral de Saúde. O acceso estará situado na rúa Serra de Outes, na parte posterior á fachada principal.

O CIS de Lugo, pioneiro en Galicia, que tamén albergará un ambulatorio, unha área de saúde mental e outros espazos de atención especializada, contará cun aparcadoiro público para mellorar o déficit de prazas de aparcadoiro no barrio da Residencia. “Para nós o máis importante é arrincar. Agora estamos centrados na posta en funcionamento da PAC e da base do 061. Axiña que como podamos, coa mesma calma e o mesmo rigor, iremos pondo en funcionamento os demais servizos”, manifestou, respecto da inauguración do resto de áreas do centro integral, Ramón Ares.

O próximo paso a adoptar nun centro chamado a concentrar nun mesmo edificio a atención primaria, as urxencias e os servizos especializados, adiantou o xerente da área sanitaria, será trasladar ao novo complexo o centro de saúde da Milagrosa, unha xestión que, recoñeceu, supón “unha loxística un pouco máis complexa”.

A “DIFICILÍSIMA” SITUACIÓN DA ATENCIÓN PRIMARIA

O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos deu tamén a súa opinión sobre a ausencia do 70 % do persoal de atención primaria rexistrada no centro de saúde de Viveiro que desencadeou a celebración na localidade durante a xornada do domingo dunha concentración dos profesionais sanitarios.

Produciuse unha situación moi puntual no centro de saúde de Viveiro en xornada de mañá con moitísimas dificultades. Estivemos a traballar para tentar cubrir e cubríronse con reforzos. Todo o que puidemos reforzar foise reforzando, pero temos que recoñecer que non foi a situación ideal para atender o centro“, recoñeceu Ares.

Estamos nunha situación dificilísima na que non temos facultativos dos que tirar para facer todas as coberturas. Estamos a reordenar axendas e os profesionais están a facer un esforzo enorme“, profundou, para acto seguido precisar que no centro de saúde de Viveiro quedan só “dúas prazas sen cubrir” de todas as cotas.

Ramón Ares, que sinalou tamén que se atopa en marcha “un proceso de selección de persoal” vía concurso de méritos sen exame para cubrir as prazas de pediatría e atención primaria “que estean vacantes no momento da convocatoria”, insistiu en que a xerencia da área sanitaria traballa en beneficio de todos os centros de saúde “con ou sen manifestación” polo medio. “Isto de politizar a sanidade como tentan algúns antes das eleccións parécenos un pouco lamentable”, declarou, pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presente tamén na convocatoria do anuncio.

ÚLTIMAS

Denunciado por cuadriplicar a taxa máxima de alcoholemia e ter un accidente en Lugo

A Policía Local de Lugo denunciou por un delito contra a seguridade viaria a un condutor,...

Dous menores e a súa nai, trasladadas con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono en Monterroso

Dous menores e a súa nai tiveron que ser evacuadas na madrugada deste venres...

Brendan Shine, un inglés do Corgo que presenta o seu primeiro libro

Brendan Shine é un músico, cantante e deportista que leva anos asentado no Corgo...

Enagás volverá presentar o hidroducto a Guitiriz a axudas europeas

Enagás reitera que o hidroducto Guitiriz-Zamora, que quedou fóra da lista de proxectos de interese...