A Deputación de Lugo exporá este venres o seu modelo de residencias na segunda edición das xornadas de traballo de atención sociosanitaria a persoas maiores organizadas polo Concello de Lugo.
Nun comunicado, a institución provincial detalla que o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, será o encargado de explicar neste foro os sistemas de funcionamento da rede de centros asistenciais implantado pola institución provincial en colaboración cos concellos.
Na actualidade, a Deputación ten residencias nos concellos de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e proximamente abrirá as de Meira e Navia de Suarna.
Así, a institución sinala que implantou un modelo de xestión dos centros públicos con atención personalizada, que favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias e que, ademais, ten un retorno económico importante na zona na que se implantan ao crear “emprego sustentable no rural e dinamizar a economía local”.
O deputado estará acompañado na mesa de traballo pola coordinadora de transplantes de Alcer Lugo, María Jesús Díaz-Freijo Marítinez; a coordinadora da área de apoio e orientación no proceso de envellecemento de Fedemga-Feaps, Pilar Villaverde Souto; a representante de envellecemento de Veciños de Lugo, María Carmen Casasnovas; e a representante da Unión de xubilados e pensionistas da UGT provincial de Lugo, Dolores Viveiro.