InicioSociedadeA Deputación suspende visitas e saídas nas residencias de Ribadeo, Trabada,...

A Deputación suspende visitas e saídas nas residencias de Ribadeo, Trabada, Pol e A Fonsagrada

A Deputación tomou esta determinación tras unha reunión da comisión de seguimento das residencias provinciais. "Seguimos coa nosa política de anticipación e cremos que debe primar a prudencia sempre que estea ao noso alcance", defendeu.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo suspendeu as visitas e as saídas nas residencias da súa rede, que están en Ribadeo, Trabada, Pol e A Fonsagrada, ante os brotes que se están rexistrando na provincia, informou este sábado nun comunicado, no que indica que a medida está en vigor desde o venres.

O presidente do ente provincial, José Tomé Roca, pediu “comprensión” tanto aos usuarios como ás familias pola decisión, que xustificou para non pór “en risco” aos maiores. “É preferible prohibir e limitar o acceso agora que máis tarde ter que lamentar consecuencias maiores”, dixo.

A Deputación tomou esta determinación tras unha reunión da comisión de seguimento das residencias provinciais. “Seguimos coa nosa política de anticipación e cremos que debe primar a prudencia sempre que estea ao noso alcance“, defendeu.

Tomei Roca pediu á Xunta que, dada a situación actual, faga probas de detección da covid-19 aos residentes e aos traballadores dos centros da Deputación para detectar posibles asintomáticos.

O presidente do ente provincial destacou que opta por “adiantarse”, xa que Sanidade non pediu o peche destes centros e a decisión é “propia” para previr contagios.

A decisión foilles notificada de forma persoal aos usuarios e ás súas familias, aos que se pide “comprensión” nunha situación que “non é fácil”. “Pero hai que ser conscientes de que a mellor pauta que se pode seguir para facerlle fronte ao virus é a distancia social”, argumentou Tomei Roca.

Os maiores que se atopan en residencias son as persoas “máis vulnerables” á enfermidade, xunto ás que padecen patoloxías previas, engadiu e indicou que se reforzarán as videollamadas e as chamadas e que se están sopesando “novas fórmulas de encontro” para que os usuarios “manteñan un contacto constante cos seus seres queridos”.

En calquera caso, apuntou que a Deputación xa estaba a aplicar protocolos “moi rigorosos” para as visitas do exterior nos centros xeriátricos. Cada residencia irá “evolucionando segundo as circunstancias sanitarias da zona na que se atopa” e seguiranse os protocolos que indique Sanidade, engadiu.

+ posts

ÚLTIMAS

Fernández reclama a renovación da rede de abastecemento en Paradai

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, visitou esta semana o barrio de...

A Deputación licita por máis dun millón de euros o equipamento da residencia de Becerreá

  A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación do...

Candia fai chegar á subdelegada do Goberno prioridades en seguridade, mobilidade e infraestruturas

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe unha reunión institucional coa subdelegada do...

Case corenta detidos por roubo de 140 Km de cable de cobre en varias provincias, entre elas Lugo

A Garda Civil detivo a 39 persoas nas provincias de Ávila, La Rioja e...