Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo tramitaron desde a finalización do estado de alarma no marco do control das medidas establecidas pola pandemia do coronavirus un total de 21 actas de infracción pola non utilización de máscara.
Así o informou a Policía Nacional, que destacou que tamén “se está controlando de maneira exhaustiva todos aqueles casos dos que se ten coñecemento que están en corentena e non poden saír dos seus domicilios”. Deste xeito, engadiu que “leva un control diario a diferentes horas para comprobar que se cumpren as medidas sanitarias impostas que lles estableceron”.
No marco das actuacións levadas a cabo estes días no control da situación de emerxencia polo coronavirus, en canto aos locais de lecer de nocturno, nun pub do triángulo de Camiño Real-Fonte dos Ranchos tramitáronse seis actas de denuncia por diferentes motivos.
“Estaba aberto fóra do horario establecido, co que se procede á correspondente proposta de sanción por tal feito, á vez que se pecha, froito desta intervención proponse para sanción a dúas persoas por non usar os medios de protección contra a pandemia, outra por fumar dentro do local, outra por drogas e unha ultima por portar unha arma branca”, concretou a Policía.
MÁIS MEDIOS
Mentres, na localidade de Viveiro, un dos municipios afectados polo brote da Mariña, “intensifícanse os controis e a vixilancia nesta situación de emerxencia” coa colaboración das Unidades Especiais enviadas desde A Coruña.
De feito, a Xefatura Superior de Policía de Galicia puxo a disposición da Comisaría Local de Viveiro dous Subgrupos da Unidade de Intervención Policial nestas semanas para a realización de controis nas vías públicas e, se fose necesario, o control da orde pública.
Tamén por parte da Xefatura Superior de Policía de Galicia foron trasladados funcionarios da Brigada Móbil, que é a encargada do control de pasaxeiros en medios de transporte público –Feve, autobús, etc.– os cales poden comprobar que levan a cabo todas as medidas establecidas polas autoridades.
Así mesmo, por parte da Comisaría Xeral de Seguridade Cidadá de Madrid dotouse A Mariña de Unidades de Cabalaría “para patrullar as zonas dos areais”, destacaron as mesmas fontes, e como todos os anos colaborar na zona de bosque da prevención de incendios.