InicioSociedadeA Diocese de Lugo presenta un protocolo anticontaxio para as misas

A Diocese de Lugo presenta un protocolo anticontaxio para as misas

Entre as medidas destacadas, está o uso de máscaras, a desinfección á entrada do templo e a eliminación de calquera rito que implique contacto físico. Tampouco se pasará a cesta da colecta, evitaranse os coros e as pilas de auga bendita permanecerán baleiras.

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE | A Diocese de Lugo elaborou un protocolo con medidas para previr o contaxio do COVID-19 nos lugares de culto, unha serie de disposicións para a celebración dos oficios relixiosos nas diferentes parroquias coas que tamén se fai un chamamento “á prudencia dos sacerdotes responsables e dos membros das súas comunidades”.

Nese protocolo, a Diocese de Lugo lembra que segue vixente “a dispensa do precepto dominical, concedida o pasado 13 de marzo”, ademais de eximir os sacerdotes que pertencen “ao grupo de risco” das “obrigacións de celebración de culto público nas súas parroquias”.

DESINFECCIÓN Á ENTRADA

A partir do día 11 de maio, cando se prevé o inicio da Fase 1 do proceso de desescalada, poderá celebrarse “culto público”, pero cunha serie de medidas de precaución, de modo que se lle pide aos fieis que “fagan uso de máscara nas igrexas” e recoméndaselles que non toquen “retablos, imaxes ou outros obxectos artísticos”.

Para determinar o aforo e a distancia de seguridade tomaranse como referencia as indicacións das autoridades civís e as portas dos templos estarán abertas nos horarios de acceso libre aos fieis para a oración.

En todo caso, os espazos afectados deben ser desinfectados antes de cada apertura. Para evitar danos no mobiliario das igrexas, recoméndase o uso de etanol, disolto ao 70%. Ademais, á entrada dos templos ofrecerase xel hidroalcohólico ou algún desinfectante similar para as mans.  As pilas de auga de bendita permanecerán baleiras.

NIN COROS, NIN COLECTAS… E CON MÁSCARAS

Así mesmo, haberá persoas responsables para organizar a entrada e a distribución de persoas nos templos, as portas permanecerán abertas á entrada e saída das celebracións, evitaranse os coros, non se pasará a cesta da colecta e mantense a indicación de non dar a man ou usar outras formas de contacto físico no rito da paz.

No caso das “celebracións sacramentais”, tanto o “fiel como o confesor deberán levar máscara“; nos bautismos aplicarase un “rito breve” e para as uncións utilizaranse “algodóns ou bastoncillos dun só uso”, que serán incinerados ao terminar. No caso dos matrimonios, os aneis e arras serán “manipulados exclusivamente polos contraentes”. En canto aos funerais polos defuntos, seguiranse os mesmos criterios da misa dominical, coas correspondentes limitacións.

Así mesmo, o protocolo lembra que, de acordo coas recomendacións do Ministerio de Sanidade, nesta primeira fase poderán ter lugar reunións de menos de 30 persoas en espazos pechados que non superen o 30% da súa ocupación e “respectando a distancia de seguridade e a utilización de máscaras”. Xa na segunda, as reunións poderán ser de ata 50 persoas e na terceira de ata 80.

ÚLTIMAS

Tarxerta verde da UNESCO para o Xeoparque Montañas do Courel

O Xeoparque Montañas do Courel que comprende os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e...

O goberno de Lugo celebra o aval xudicial á demolición do Garañón

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, celebrou este mércores que as tres sentenzas que...

Lugo aproba inicialmente o novo plan de emerxencias municipal

O Executivo local aprobou inicialmente o novo plan de emerxencias municipal, un documento aberto...

Un operario resulta ferido tras ser atropelado por un camión nun tramo de obras da A-6 en Baralla

Un traballador do servizo de mantemento de estradas resultou ferido ao ser atropelado por...