Os nenos e nenas de terceiro de primaria do colexio Luís Díaz Moreno, no municipio lucense de #Baralla, conéctanse todos os días para seguir as súas clases a distancia, pero non o fan por videochamada. Como algúns deles carecían de conexión a internet e mesmo de computadores, o centro apostou polo uso do walkie-talkie e aquel mítico “cópioche”.
A fenda dixital supón unha barreira á hora de continuar os estudos desde casa tras o peche dos colexios pola pandemia do coronavirus, xa que moitos escolares carecen de medios dixitais ou de acceso á rede.
Con todo, no concello rural de Baralla, de 2.500 habitantes, souberon facer fronte ás malas conexións e ás diferenzas socioeconómicas pois non dubidaron en botar man destes receptores portátiles que, aínda que soe paradoxal, funcionan na zona mellor que a cobertura móbil.
“É unha iniciativa moi boa, sorprende un pouco pero nesta contorna rural, cando nos enfrontamos ao estado de alarma, albiscouse como a única vía que había para poder conectarse con todos os nenos”, conta a Efe a directora da escola, Vanessa de Arriba, que detalla que se deron conta de que “había unha gran parte do alumnado que non dispoñía da internet en casa, nin tan sequera de computador ou impresora”.
Os nove alumnos desta clase xa tiñan unha experiencia previa cos walkie-talkies porque traballaban con eles na pequena radio escolar e utilizábanos así mesmo en distintas actividades como xogos de orientación nas diferentes estancias do centro.
A detención das clases presenciais pola crise sanitaria foi unha sorpresa para toda a comunidade educativa, pero esta afección salvou as distancias. “Consideramos que á parte de ser un xogo tamén podía ser unha ferramenta útil de traballo”, explica De Arriba, que aclara que non foi necesario que ningún alumno comprase o aparello, pois algúns estaban no colexio e outros nenos xa os tiñan nas súas casas.
O seu titor, o radioafeccionado Lois Manuel Toirán, é o que difundiu entre os escolares o ensino desta tecnoloxía.
El mesmo, coa axuda do Concello de Baralla, instalou un repetidor nunha montaña próxima á localidade e configurou os walkie-talkies.
O método de traballo é o mesmo para todas as materias. Conéctanse de luns a venres durante dúas horas ao día, desde as 12:00 ata as 14:00. Nese período de tempo, corrixen as actividades que previamente lles mandou facer o titor.
Ao non verse, os pequenos teñen que estar moi atentos á conversa para darse conta de cando é a súa quenda de palabra. Lois Manuel Toirán guía a corrección e escolle ao encargado de resolver cada actividade, á vez que se asegura, a través das ondas, de que todos estean pendentes e de que revisan as súas tarefas.
“É unha maneira de que estean conectados, de que escoiten as súas voces, de que, aínda que non se poidan ver, saiban que están todos xuntos estudando dunha maneira similar á da aula e poden continuar o temario”, concreta Vanessa de Arriba.
Ela fala “con dobre perspectiva”, pois ademais de ser a directora do centro, o seu fillo é un dos membros da xa denominada clase dos walkies.
“A el gústalle moito porque o tomaron como unha actividade divertida, coa que tamén escoitan aos compañeiros, poden saber deles e falar co seu profesor”, asegura.
Con todo, están a buscar que este método termine e que todos se poidan conectar por videoconferencia, pois “o Concello está en vías de dotar da internet a todos os domicilios” e o centro reparte portátiles a aqueles que carecen de computador.
Así tentan cubrir as necesidades dos que non teñen as mellores conexións, pero mentres o novo sistema non estea a punto, a radiofrecuencia seguirá chegando onde non chegue Internet.