O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta do uso do bus dende a declaración do estado de alarma e precisou que o número de persoas que empregan o transporte menguou de maneira notable. “Os datos corroboran que a veciñanza de Lugo está a quedar na casa e só usa o bus en casos de necesidade“, sostivo.
En concreto, segundo os datos da área de Mobilidade, o total de pasaxeiros na primeira semana de marzo —cando aínda non se decretara o estado de alarma— foi de 8.620, mentres que na última semana se rexistraron 1.344 usuarios. Malia a caída do número de pasaxeiros, os servizos de transporte mantéñense porque seguen sendo precisos para aquelas persoas que se teñen que desprazar ao seu centro de traballo, por exemplo.
Na liña 9A, que conecta o centro co Ceao, pasouse dunha media de 839 pasaxeiros a tan só 130. Nas liñas do HULA, pasouse de 524 a 131. No resto de liñas que circulan polos barrios da cidade, a media de ocupación baixou de 444 a 51 pasaxeiros. Segundo Rubén Arroxo, “o bus con máis pasaxeiros desta semana tiña máis de 100 prazas e só ían 24 persoas”
Rubén Arroxo explicou que “para evitar riscos de contaxio ás persoas que conducen, o servizo de autobuses pasou a ser gratuíto, evitando así o contacto entre as persoas usuarias e quen conduce os vehículos”. Para cumprir a norma do 50% da capacidade marcada polo Real Decreto, foron precintadas unha de cada dúas filas de asentos para aumentar así a distancia de separación entre as persoas usuarias.