O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, asegurou este luns que as obras da estación intermodal de Lugo estarán acabadas no mes de xuño.
Así o trasladou nunha visita á capital lucense onde puxo en valor o traballo do ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, no impulso de actuacións estratéxicas en Galicia, e especialmente en Lugo, onde a nova estación de tren atópase xa na súa fase final de execución.
Alí, o delegado recalcou que esta infraestrutura marcará “un antes e un despois” ao converter á cidade “nun nodo moderno, accesible e preparado para reforzar a súa conexión ferroviaria”, enlazando coa Alta Velocidade.
Durante esta visita, o representante do Executivo central reivindicou que Lugo vive “o seu mellor momento e a súa maior transformación” en materia de infraestruturas, destacando o avance de proxectos crave grazas ao “traballo coordinado” do Goberno e do alcalde, Miguel Fernández. Segundo subliñou, están a cumprirse “todos os compromisos adquiridos” coa cidade.
Acompañado polo rexedor, pola subdelegada do Goberno na provincia, Olimpia López, e responsables técnicos de Adif, Branco explicou que o edificio de viaxeiros xa está practicamente finalizado na súa estrutura e peche, mentres que se ultiman as instalacións interiores e os sistemas técnicos.
Tamén avanzan os traballos nas plataformas, a pasarela peonil e o paso inferior, que servirá tanto de acceso como de conexión urbana, xa que une os barrios do Sacro Corazón e As Gándaras co centro da cidade, “superando un illamento histórico e favorecendo un desenvolvemento máis equilibrado”, tal e como expuxo o alcalde.
Igualmente, a contorna da estación atópase en proceso de urbanización, con actuacións tanto no lado da cidade como na zona do parque do Sacro Corazón, ademais de melloras nos accesos desde a Praza do Conde Fontao e a Rúa Alta.
O Goberno central, a través de Adif, destinou máis de 22 millóns de euros a esta actuación e á súa integración urbana.
Ademais, o delegado destacou o investimento global xunto co corredor ferroviario entre Lugo e Ourense, que supera os 600 millóns de euros, e remarcou que estas actuacións permiten saldar unha “débeda histórica” coa cidade “tras anos de paralización en etapas anteriores”.
OUTROS INVESTIMENTOS RELACIONADOS
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, engadiu que a Intermodal non só mellorará a mobilidade, senón que “suporá unha transformación urbana profunda”. O mandatario municipal centrouse ademais noutras obras comprometidas co Goberno central en distintas fases de execución.
Deste xeito, anunciou a inminente firma dun convenio con Adif para executar a conexión entre a estación e a zona alta da cidade mediante ramplas e ascensores. Este proxecto contará cun investimento superior ao cinco millóns de euros, con financiamento europeo, aos que se suma un millón adicional achegado polo Concello para expropiacións.
O rexedor defendeu que estas actuacións evidencian que Lugo conta con “un proxecto de cidade claro”, baseado nunha mobilidade “moderna, sustentable e centrada nas persoas”. “Estamos ante un antes e un despois na historia recente de Lugo”, afirmou.
Pola súa banda, Pedro Branco insistiu en que a diferenza nesta etapa radica en que “hai quen fala de Lugo e quen o fai avanzar, como o seu alcalde Miguel Fernández”, asegurando que o actual Goberno e o equipo municipal traballan co obxectivo de situar aos lucenses no centro das políticas públicas.
BESTEIRO AUGURA O APOIO DAS URNAS
Nesta visita tamén participou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que reivindicou o papel dos gobernos socialistas na recuperación deste proxecto, que comezou a súa execución hai dous anos.
Besteiro lembrou que a infraestrutura, prevista inicialmente como a primeira Intermodal de Galicia en 2010, quedou paralizada durante os anos de goberno de Mariano Rajoy. Segundo sinalou, foi posteriormente impulsada por executivos socialistas, o que, ao seu xuízo, evidencia “o bloqueo” do PP a proxectos crave para a cidade.
O dirixente socialista destacou ademais o impacto que terá a estación, que permitirá “revalorizar a zona e mellorar a conexión entre barrios”, e advertiu de que os cidadáns “lembrarán” que partidos impulsaron as infraestruturas e cales as frearon, tamén de face a futuras citas electorais.
