InicioSociedadePilar de Lara: "Se eu era unha xuíza traballadora, volvinme inoperante e...

Pilar de Lara: “Se eu era unha xuíza traballadora, volvinme inoperante e torpe de súpeto?”

Nesta entrevista con Europa Press, a maxistrada confesa como mata o tempo durante a corentena: versiona clásicos musicais no Facebook, estuda "moitísimo" e mesmo se atreve a escribir un libro. Fala tamén sobre a sanción imposta polo CXPX, pero elude cualificala de "inxustiza", senón de "desviación de poder". Consciente de que terá que volver concursar para conseguir praza, admite que non lle importaría marchar a Cataluña.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A maxistrada Pilar de Lara, extitular do xulgado número 1 de Lugo, vive os días de confinamento “animando” as redes a través de vídeos nos que o ‘Dúo Estático’, formado por ela e o seu marido, versionan clásicos da música. A xuíza tamén aproveita estes días para estudar “moitísimo” sobre o ordenamento xurídico para a protección animal e mesmo para lanzarse a escribir un libro.

De Lara, que foi cesada do xulgado tras unha sanción do Consello Xeral do Poder Xudicial, terá que volver concursar para conseguir praza. Segundo relata nesta entrevista a Europa Press, xa ten algún destino en mente, malia que non sexa un dos máis desexados pola gran maioría: “Non me importaría ir a Cataluña”, confesa.


PREGUNTA: Como leva o confinamento?

RESPOSTA: Ímolo levando da mellor maneira posible, dentro do que cabe. O can lévao un pouquiño peor. Temos unha filla que está en segundo de bacharelato e estamos con moita incerteza, pero non nos podemos queixar. Non temos a ningún familiar afectado, si a un amigo. Estamos con preocupación e coa dor por todo o que estamos a ver.

P: Sobre todo animando as redes, con ese dúo co seu marido.

R: A idea parte dunha amiga nosa, que é escritora, Susana López Alonso. Un día falando comigo por teléfono díxome “Pilar, a xente está moi asustada, moi preocupada. Eu creo que todos dentro da nosa esfera, e dentro dos nosos hobbies podiamos facer algo para poder animar á xente”. Ela creou un club de lectura en Facebook e a min díxome: “Ti atrévete, que cantas”. Entón o meu marido e eu decidimos fundar este ‘Dúo Estático’ coa intención  de que, durante os minutos que dura o vídeo, a xente esqueza un pouco esta traxedia que estamos a pasar e ría connosco e de nós. Ao mesmo tempo nós tamén nos esquecemos e pasamos un bo intre.

P: Para cando un repertorio?

R: (Risas) Todo foi bastante espontáneo. Fixemos entre sete ou oito gravacións no Facebook. Cando eu estudaba a carreira dei os meus primeiros pasos artísticos. Realizaba actuacións nalgún bar e tamén facía algunha actuación humorística coa miña irmá Mar, que case era profesional do canto. Ela cantaba copla. Vénnos un pouco de familia.

“algúns chámano inxustiza, eu falo de desviación de poder”

P: Cre que se fixo unha inxustiza con vostede coa sanción imposta?

R: Sempre digo que os xuíces temos que diferenciar dúas esferas: a esfera da nosa profesión e a esfera de cidadán. Moitas persoas pola rúa, amigos e mesmo compañeiros, comentáronme: ‘Eu creo que a ti te perseguiron’. Eu non me atrevo a realizar ese tipo de afirmación porque como xuíza parto de datos obxectivos e estes lévanme a afirmar que comigo se cometeu unha desviación de poder, na afectación do principio de proporcionalidade.

A partir de aí, algúns chámano inxustiza. A min gústame falar en termos xurídicos. Partindo dos datos que obran no expediente, fálase da antigüidade dos casos. En Lugo temos causas máis antigas que a ‘Carioca’, que é do 2008. Noutras localidades de Galicia hai causas moito máis antigas que a miña. Mesmo non reúnen eses datos de complexidade que reunían todas as que se tramitaban desde o meu xulgado.

Partindo de todos os datos que obran no expediente (de sanción), de como se iniciou, segundo consta polos escritos que presentaron os avogados, foron alentados polo propio servizo de Inspección para que presentasen as denuncias, polos erros cometidos polo servizo e constatados por eles. Cando se me impón a sanción, a propia Comisión Disciplinaria non corrixe os erros do servizo de inspección, que xa realizara a súa corrección.

A propia acta de deliberación do pleno do Consello, cando resolve o recurso de alzada, reflicte como un vogal -do CGPJ- considera que a resolución sancionadora non resulta debidamente motivada e que podería dar pé a pensar que o que se estaba tratando era de afastarme do xulgado de instrución.

Hai unha serie de datos. O criterio de inspección dicía que eu en novembro de 2017 tramitaba o mesmo número de causas que tramitaba en xuño de 2015. Segundo eles eran 90, cando resulta que eran a metade. Ese é un erro tan grave e tan importante que é o que evidencia que se trataba de impoñer unha sanción que me apartase do xulgado.

Logo hai que darse conta do modo que se empregou para facer efectiva a sanción. Non asinei a resolución das medidas cautelares e, a data de hoxe, non se resolveu o recurso de reposición (ante o Supremo). Non había acordo de cesamento, non se publicou no BOE como esixe o artigo 351 do regulamento da carreira xudicial.

“FUN UNHA XUÍZA NORMAL, COS MEUS ERROS E ACERTOS”

P: Cre que lle puido pasar factura o feito de se converter nun azoute da corrupción en Galicia?

R: Levo 22 anos na carreira xudicial e sempre estiven en instrución. En Mieres (Asturias) estiven nun xulgado mixto, levabamos civil e instrución. Era un xulgado difícil, duro, de moito traballo. Aí tramitei tamén macrocausas importantes relacionadas sobre todo co tráfico de drogas. Algunha tocou tanxencialmente algún tema do 11-M e aquí en Lugo tramitei tamén outras causas de complexidade relacionada co tráfico de drogas.

Fun unha xuíza normal, cos meus erros, cos meus acertos. Hai que ter en conta que os xuíces estamos moi controlados tanto polo Ministerio Fiscal como garante da legalidade, como polas Audiencias Provinciais a través das vías dos recursos. Son os órganos encargados de corrixirnos. É dicir, os xuíces non podemos ir por libre. O que me pregunto é, se eu era unha xuíza normal, traballadora…, de súpeto volvinme unha xuíza inoperante, torpe? Só selectivamente con determinados procedementos? Suponse que se son unha xuízz torpe, sono con todos os procedementos. Non tan só con algúns.

“NON ME IMPORTARÍA IR PARA CATALUÑA”

P: Cumprida a súa sanción deberá volver concursar. Abre a posibilidade de que poida ir a Cataluña ou Canarias, destinos que apenas ninguén quere?

R: Xa me fixen moi á idea. Son unha persoa bastante optimista e loitadora, e iso faime asumir sempre os problemas desde o primeiro momento. Ese é un escenario que me debuxei. Cando teña que concursar, sei que nese concurso irei a última e entón tocaranme as prazas que ninguén queira. Pero eu estaría encantada de marchar a Cataluña. Alí teño grandísimos amigos e, por outra banda, é unha das comunidades autónomas onde máis están a potenciar o ordenamento xurídico sobre maltrato animal. E a min encántame o dereito animal. Agora estou na casa estudando moitísimo sobre esta materia e non descarto escribir un libro. Entón desde ese punto de vista tampouco me importaría marchar para alí.

ÚLTIMAS

Un motorista falece tras caer por un terraplén en Pedrafita do Cebreiro

Un motorista faleceu este venres tras precipitarse por un terraplén de 10 metros de...

PSdeG destaca 1.000 millóns en infraestruturas para Lugo

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomei, e a deputada...

Veciña de Begonte detida por furto de xoias continuado nun centro de maiores

A Garda Civil, no marco da operación Renur1, detivo a unha veciña da localidade...

A Rede Museística, referencia do Estado en educación e investigación nos museos

'Xornadas Internacionais sobre museos e educación. Experiencias para difusión do patrimonio e o cumprimento...