A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, visitou hoxe a contorna dos Robles para presentar as primeiras actuacións coas que o Concello inicia a recuperación progresiva do río Miño como un espazo pensado para o lecer, o deporte e a convivencia.
O Goberno municipal aposta por un modelo baseado en dous principios:
· Actuar de forma respectuosa no propio río, limitando as intervencións ao imprescindible no leito do Miño,
· Concentrar os principais investimentos nos terreos da súa contorna para crear novos espazos públicos ao servizo da cidadanía.
Este modelo dá continuidade ao traballo desenvolvido pola actual alcaldesa antes da súa chegada ao Goberno municipal. No pleno de febreiro de 2024 defendera a necesidade de abrir un traballo conxunto coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e coa Xunta de Galicia para analizar a viabilidade técnica e ambiental dun proxecto destas características e garantir que puidese executarse con todas as garantías.
Posteriormente, o 1 de agosto de 2025 presentouse publicamente unha proposta que definía este modelo de recuperación do Miño.
Hoxe, apenas un mes e tres semanas despois da constitución do novo Goberno municipal, o Concello comeza a transformar esa proposta en actuacións concretas.
Pantaláns nos Robles
A primeira delas xa é unha realidade grazas á colaboración entre o Concello e a Federación Galega de Piragüismo, exemplo da capacidade de diálogo e de chegar a acordos impulsada polo Goberno municipal. A Federación obtivo as autorizacións necesarias da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da Consellería de Medio Ambiente para instalar os pantaláns flotantes con motivo do Campionato Galego e o Campionato de España de Barco Dragón, mentres que o Concello puxo estes elementos á súa disposición para facer posible a actuación.
Os pantaláns, adquiridos no anterior mandato e almacenados durante anos sen utilización nunha nave do Corgo, permanecerán instalados durante o verán, na medida en que o permitan as autorizacións administrativas. O obxectivo é que, ademais de mellorar a práctica das actividades náuticas e facilitar un acceso máis cómodo e seguro ao río, permitan aos lucenses visualizar como será este modelo de recuperación da contorna do Miño.
Limpeza das ribeiras do río
No propio río, o Concello promoverá actuacións compatibles coa protección ambiental, mantendo as ribeiras en bo estado de conservación e limpeza e mellorando a accesibilidade mediante elementos autorizables, como pantaláns flotantes, ramplas ou outros sistemas que faciliten un acceso seguro á auga. Estas actuacións desenvolveranse progresivamente na contorna dos Robles, do Chapuzo, da Fábrica da Luz e da zona da UNED.
Piscina Exterior pública.
Paralelamente, o Concello actuará nos espazos municipais situados xunto ao río. A primeira intervención desenvolverase nunha parcela municipal da contorna dos Robles, onde está prevista a creación dun novo espazo público de lecer que terá como elemento principal unha piscina pública ao aire libre con xogos acuáticos.
A alcaldesa explicou que esta actuación non pode executarse materialmente durante este verán, xa que require a correspondente tramitación administrativa e a obtención das autorizacións preceptivas. Por este motivo, o Concello habilitará neste mesmo ámbito actividades recreativas para que a cidadanía poida identificar o lugar onde se desenvolverá o proxecto.
Candia lembrou que a elevada utilización da piscina exterior de Frigsa durante os seus primeiros días de apertura, con 4.300 usuarios nos dez primeiros días da súa apertura, confirma a demanda existente de instalacións acuáticas ao aire libre e reforza a necesidade de ampliar a oferta municipal deste tipo de espazos.
Recuperar a área recreativa da fábrica da luz
Outra das actuacións xa iniciadas é a recuperación da contorna da Fábrica da Luz. O Concello comezou os traballos previos coa eliminación da maleza e da vexetación acumulada durante anos. Esta actuación mellora a imaxe dun espazo que xa conta con mobiliario urbano, reduce o risco de incendios nestes días de altas temperaturas e prepara o terreo para o seu posterior acondicionamento (fresado do terreo e a sementeira de céspede).
O Concello xa dispón dunha memoria valorada do proxecto e iniciará nas próximas semanas unha rolda de reunións coa Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil co obxectivo de consensuar a proposta cos organismos competentes, enriquecela coas súas achegas técnicas e avanzar na tramitación das autorizacións necesarias para a súa execución.
