O delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, foi recibido este mércores pola alcaldesa, Elena Candia, con quen mantivo un encontro de traballo no que repasaron o estado os principais proxectos que o Goberno galego desenvolve na cidade e analizaron novas vías de colaboración para seguir avanzando en cuestións de interese para os lucenses. Segundo informou o goberno local, durante a reunión abordáronse diferentes actuacións impulsadas pola Xunta en Lugo, así como aqueles asuntos nos que, remarca, resulta “fundamental” cooperación entre ambas institucións para axilizar trámites e ofrecer respostas “eficaces” ás necesidades da cidadanía.
Entre os temas abordados ocupou un lugar destacado a política de vivenda. Neste sentido, realizouse un seguimento das promocións residenciais que a Xunta está a desenvolver na cidade, así como doutras iniciativas promovidas polo Goberno galego para facilitar o acceso dos lucenses a un fogar, como é a recente ampliación dos límites de ingresos para optar a estas vivendas. O delegado da Xunta explicou que “actualmente a Administración autonómica ten en marcha proxectos para sumar máis de 600 vivendas de promoción pública en Lugo”.
Así, están en obras dous edificios en Garabolos –de 70 e 76 vivendas–, e licitada a construción doutros 152 fogares na mesma zona e de 59 en Paradai. Están a redactarse tamén os proxectos para construír 50 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos na Rúa Illa Coelleira, e 24 vivendas en Ángelo Colocci”. Ademais, analizaron o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Sacro Corazón, o primeiro dos que tramita a Xunta que conseguiu a aprobación inicial. A Administración autonómica está a estudar as alegacións presentadas e prevé aprobalo definitivamente no último trimestre do ano.
COMUNICACIÓN FLUÍDA
Tanto Candia (que acaba de acceder á Alcaldía a través dunha moción de censura) como Villares (tamén recentemente elixido o seu cargo) coincidiron na importancia de manter unha comunicación fluída e unha coordinación permanente entre as dúas administracións para garantir o avance dos proxectos estratéxicos para Lugo.
Con este obxectivo, acordaron establecer reunións periódicas de seguimento que permitan avaliar a evolución das distintas actuacións en marcha, detectar posibles necesidades de colaboración e impulsar novas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento da cidade. Tanto a alcaldesa como o delegado da Xunta destacaron “a importancia de traballar desde a lealdade institucional e a cooperación entre administracións para aproveitar todas as oportunidades de investimento e mellora de servizos que redunden no benestar dos lucenses”.
