InicioPolíticaA plataforma contra o transfuguismo convoca unha nova protesta antes da moción...

A plataforma contra o transfuguismo convoca unha nova protesta antes da moción de censura en Lugo

‘Transfuguismo Non, Democracia Si’ chama a concentrarse este xoves ás portas do Concello, unha hora antes do pleno que pode facer alcaldesa a Elena Candia co apoio de María Reigosa.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A plataforma ‘Transfuguismo Non, Democracia Si’ convocou unha terceira concentración para protestar contra a moción de censura que se debaterá este xoves, 7 de maio, ás 12.00 horas, no Concello de Lugo. A protesta está prevista para as 11.00 horas, unha hora antes do inicio da sesión plenaria na que, se todo segue o seu curso, a moción sairá adiante co apoio da edil tránsfuga María Reigosa á candidata do Partido Popular, Elena Candia.

TERCEIRA PROTESTA CONTRA A MOCIÓN

Esta será a terceira mobilización convocada pola plataforma desde que se coñeceu a presentación da moción de censura. A primeira tivo lugar na mesma semana na que se fixo pública a iniciativa. A segunda celebrouse media hora antes do último pleno ordinario, o pasado xoves, unha sesión marcada pola tensión. O público accedeu á sala con pancartas, interpelou tanto a Candia como a Reigosa e o pleno acabou co desaloxo dos asistentes. Agora, a plataforma volve chamar á cidadanía a concentrarse ás portas do Concello para expresar o seu rexeitamento a unha moción que considera allea ao sentir maioritario da cidade.

UN CONTEXTO “ESCURO” E “FALTO DE ÉTICA”

O colectivo critica o contexto no que se produce a moción de censura, que cualifica de “escuro” e “falto de ética”. Sostén que a operación política non responde ao sentir maioritario da cidadanía e cuestiona as circunstancias que rodean o acordo entre o PP e María Reigosa. A plataforma considera que se están vulnerando principios básicos no ámbito institucional e lanza duras críticas contra a edil non adscrita e contra o Partido Popular. “Tiveron que morrer tres persoas para que Reigosa puidese escalar e apoiar a moción do PP, e isto faise previo pago dos favores coa creación de prazas de emprego da Xunta de dubidosa transparencia e ignorando o sentir da cidade”, sinala o colectivo. Tamén acusa o PP de “traizoar os seus estatutos”, que, segundo lembra, están en contra do transfuguismo, e faino coa “complicidade silenciosa” do “xefe de filas” de Elena Candia, ao que reprocha que “mire para outro lado”.

CHAMAMENTO Á PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A plataforma insiste na súa oposición frontal á moción de censura e fai un chamamento á participación cidadá na concentración deste xoves. O colectivo defende que a protesta é unha mostra de rexeitamento á operación política e un exercicio democrático lexítimo fronte ao que consideran unha alteración da vontade expresada nas urnas. A mobilización chegará nun contexto de máxima tensión política en Lugo, tras os incidentes rexistrados no último pleno e a denuncia presentada por María Reigosa por insultos e lanzamento de moedas.

O BNG DEFENDE AS PROTESTAS

Neste contexto, o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, asegurou que nos “últimos días” á fronte do Goberno local están a tentar ser “leais á cidade” presentando os traballos que se estiveron desenvolvendo. O portavoz nacionalista volveu cualificar a moción de censura como unha acción “ilexítima” e contraria ao sentir popular. Tamén manifestou o seu temor a que moitos dos proxectos actualmente en marcha queden paralizados ou sen executar se prospera o cambio de goberno. “A inmensa maioría da poboación de Lugo está indignada e non quere isto”, afirmou Arroxo, que lembrou que na última concentración da plataforma, na que participaron preto dun milleiro de persoas, os asistentes “manifestáronse moi democraticamente”.

ARROXO RESTA IMPORTANCIA Á DENUNCIA DE REIGOSA

Sobre a denuncia presentada por María Reigosa por supostos insultos e agresión no pleno, Arroxo restoulle importancia, aínda que recoñeceu que houbo comportamentos reprobables. “Houbo algunhas persoas que se pasaron de freada e unha que fixo un insulto fóra de lugar, pero que mesmo foi repudiado polo resto de asistentes. Tamén houbo unha persoa que lle tirou moedas ao chan; son cousas que non están ben”, sinalou. A concentración deste xoves converterase así no preludio dunha das sesións máis tensas da política municipal galega recente, cunha moción de censura que pode cambiar o goberno de Lugo e abrir unha nova etapa marcada, desde o primeiro día, pola polémica arredor do transfuguismo.

+ posts

ÚLTIMAS

Rueda defende a moción en Lugo entre acusacións de “comprar poder” e “incumprir” os estatutos do PP

A sesión de control do Pazo do Hórreo anticipou este martes o guión que...

O PP acusa á Deputación de financiar con fondos públicos á Federación de Veciños e os ‘hooligans’ da directiva

Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo amosaron hoxe a súa...

A Deputación presenta a campaña de divulgación sobre a eclipse total de sol do 12 de agosto

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presentou esta tarde na Sala de...

Vilalba investirá máis dun millón de euros para mellorar servizos e infraestruturas

  O Concello de Vilalba aprobou no pleno extraordinario celebrado esta mañá un conxunto de...