A cidadanía de Lugo está chamada a participar este venres, ás 19.00 horas, nunha concentración fronte á casa consistorial para manifestar o seu rexeitamento ao “transfuguismo” e para “defender a democracia” ante o inminente cambio no goberno local. A mobilización, impulsada por un novo colectivo nado do sector cultural lucense, aspira a ser masiva e busca mobilizar á esquerda, que perderán o goberno local tras 27 anos de xestión continuada.
Segundo informaron os organizadores, diversas formacións políticas confirmaron xa a súa asistencia a unha cita que tamén está a sumar apoios a través das redes sociais. Aínda que non existe unha previsión oficial de asistentes, espérase unha “gran afluencia”, organizándose mesmo o frete de autobuses desde distintos puntos para acudir á protesta
Os portavoces do colectivo –Lois Pérez, Isidoro Rodríguez, Luz Darriba e Bernardino Pardo– presentaron este mércores un manifesto no que reivindican valores como “o civismo, a pluralidade e a tolerancia”. Na súa comparecencia, destacaron que actúan movidos por “conviccións democráticas” e en representación de “a maioría social” que apoiou á esquerda nos últimos comicios, cualificando a moción de censura de “atropelo democrático”
O foco das protestas sitúase sobre a ‘popular’ Elena Candia e a non adscrita María Reigosa, protagonistas do pacto de goberno. Os convocantes acusan especialmente a Reigosa de “traizoar” ao seu electorado e ínstana a reconsiderar a súa postura, advertindo de que, mentres o poder é “efémero”, a “indignidade de non poder mirar á xente á cara perdura” .
Neste sentido, o colectivo sostén que o transfuguismo representa un “golpe” á vontade popular e carece de “lexitimidade ética”. Así mesmo, acusaron ao Partido Popular de fomentar a confrontación política, insistindo en que calquera cambio de goberno debe ser ditaminado polas urnas e non mediante estas “manobras”, que consideran “prexudiciais para a saúde democrática da cidade”.
Pola súa banda, o Partido Popular restou importancia á mobilización, asegurando que tamén eles recibiron presións veciñais durante meses para que se materializase un cambio de ciclo en Lugo. De forma paralela a esta concentración, anunciouse a formación doutra plataforma cidadá “polo cambio”, co obxectivo de facer visible a división de opinións existente entre a poboación ante o novo escenario político.
BNG: “XOGADA INDECENTE”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebrou este xoves unha asemblea aberta na que expresou o seu rexeitamento á moción de censura presentada polo Partido Popular no Concello de Lugo, a cal conta co apoio dunha concelleira tránsfuga do PSOE. O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, cualificou a manobra de “xogada indecente” e “inaceptable”, chegando a definila como un “golpe de estado”.
Durante a súa intervención, Arroxo criticou que o PP “se estea aproveitando do falecemento de tres concelleiros”, unha circunstancia que cualificou de “absolutamente tráxica”. No transcurso da asemblea, os asistentes manifestaron a súa indignación ante o que consideran unha “falta de respecto á vontade popular expresada nas urnas en maio de 2023”.
PSDEG: “OBSESIÓN POLO PODER”
O portavoz da Executiva do PSdeG, Xulio Torrado, resumiu o historial político de Elena Candia en “presentar anónimos para atacar a persoas, comprar votos para chegar a postos e negociar mocións nun tanatorio aproveitándose do falecemento das persoas”. Torrado considerou que hai que ter un “grave problema de obsesión co poder” e advertiu que a cidadanía “dará exemplo” tanto hoxe como nas urnas ante persoas cun nivel ético “absolutamente deplorable”. Sobre as protestas, afirmou que se o ambiente está enrarecido é “por culpa de quen o enrareceu”.
PPDEG: “USAN OS FALECIDOS PARA TAPAR A SÚA INCOMPETENCIA”
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, asegurou que o PSdeG debería “respectar a memoria dos falecidos” e non usala para “tapar a súa incompetencia”. Pazos lembrou que a exalcaldesa Lara Méndez chegou ao cargo “sen ser candidata” e criticou que o actual rexedor, Miguel Fernández, fose considerado tras o falecemento de Paula Alvarellos. “Asumimos en todo momento que era alcalde porque así o decidiron os 25 concelleiros”, afirmou, pedindo o mesmo respecto para Candia. Ademais, Pazos responsabilizou a PSOE e BNG de “alimentar a crispación” e recomendoulles falar coas familias dos edís finados, que están “indignadas co que se está a facer cos seus seres queridos”.
DEPUTACIÓN DE LUGO: FRONTE UNIDA POLA PROHIBICIÓN DO TRANSFUGUISMO
A presidenta da Deputación, Carmela López (PSOE), e o vicepresidente, Efrén Castro (BNG), escenificaron este venres unha fronte unida contra a moción. López apelou a “prohibir o transfuguismo” por lei e lamentou a crispación que accións deste tipo xeran na sociedade. Pola súa banda, Efrén Castro cualificou a moción como a acción “máis sucia e amoral” da súa carreira, acusando a Candia de “non ter límites” e de pasar por riba dos falecementos dos concelleiros socialistas para acceder á Alcaldía ante unhas enquisas que non lle eran favorables.
