InicioPolíticaO PP de Guitiriz leva aos tribunais á alcaldesa por suposta falsidade...

O PP de Guitiriz leva aos tribunais á alcaldesa por suposta falsidade documental e cobro indebido de dietas nunha viaxe privada a Portugal

Os populares denuncian que Marisol Morandeira asinou unha acta dunha xunta de goberno mentres estaba en Águeda e que percibiu máis cartos dos gastos declarados; a rexedora asegura descoñecer a denuncia e agarda actuación xudicial.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os concelleiros do Partido Popular de Guitiriz presentaron unha denuncia contra a alcaldesa da localidade, Marisol Morandeira (PSOE), por suposta falsidade documental, prevaricación administrativa e uso indebido de fondos municipais. Así o confirmou o portavoz popular, José Manuel López Rodríguez, nunha comparecencia pública na que estivo acompañado polo secretario xeral do PP na provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal. Entre os asistentes atopábanse tamén os deputados provinciais Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, José Ángel Santos, Armando Castosa e José Pardo.

Segundo relatou o portavoz popular, a denuncia fundaméntase nunha viaxe realizada pola rexedora a Águeda (Portugal) entre os días 9 e 11 de decembro de 2025. Tratábase, indicou, dun desprazamento de carácter privado e lúdico organizado por unha asociación, ao que a alcaldesa acudiu a título persoal. O custo da viaxe ascendía a 250 euros en habitación dobre e pensión completa, cun suplemento de 60 euros en caso de habitación individual, polo que o importe máximo era de 310 euros. Con todo, López Rodríguez denuncia que o mesmo día 9 de decembro a alcaldesa solicitou ao Concello unha indemnización por gastos de manutención, “percibindo un total de 381,65 euros, unha cantidade superior ao custo real da viaxe”. A xuízo do PP, isto supón que “os veciños de Guitiriz acabaron pagando unha actividade privada”, algo que consideran inxustificable.

A denuncia por suposta falsidade documental céntrase especialmente no ocorrido o 10 de decembro. Segundo o relato dos populares, ese día, mentres se atopaba en Portugal, Marisol Morandeira asinou unha acta na que constaba a súa asistencia e presidencia dunha xunta de goberno local, pola que ademais cobraría dietas cifradas en 153 euros. O PP sostén que dita asistencia era imposible, non só por atoparse fóra do municipio —apuntan a fotos publicadas en redes sociais— senón porque o regulamento municipal non permite a participación telemática neste órgano e a normativa vixente impide intervir en órganos colexiados estando fóra do territorio nacional. José Manuel López asegurou que a decisión de acudir aos tribunais “non foi sinxela”, pero que o grupo popular se viu obrigado a facelo para defender os intereses xerais dos veciños. Ademais, expresou a súa preocupación pola posibilidade de que “este tipo de prácticas puidesen repetirse noutras ocasións sen ser detectadas”.

Pola súa banda, Antonio Ameijide expresou o respaldo do partido aos concelleiros de Guitiriz e subliñou que o PP provincial seguirá apoiando aos seus cargos locais “na defensa da legalidade e do uso responsable dos recursos públicos”. Ameijide engadiu que, se a xustiza confirma os feitos denunciados, o goberno provincial de PSOE e BNG quedaría, na súa opinión, “marcado pola polémica e a ilegalidade”, lembrando anteriores controversias que afectaron á Deputación durante o actual mandato. O responsable do PP en Guitiriz explicou que a denuncia foi presentada o pasado venres 20 de febreiro, “tras reunir toda a documentación que avala esta denuncia”, incluíndo fotos da viaxe, a acta da xunta de goberno e os cobros das distintas dietas.

DESCOÑECEMENTO POR PARTE DA ALCALDÍA

Pola súa banda, a alcaldesa Marisol Morandeira declinou facer declaracións sobre os feitos polos que é acusada, asegurando “non ter coñecemento nin da denuncia nin dos feitos en cuestión”. Segundo indicou, decatouse das acusacións a través dos propios medios de comunicación e queda á espera de que se produza algún movemento xudicial relacionado con esta denuncia.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación este de aglomerado no Corgo no cinto comarcal

  A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana o estendido do aglomerado en...

Celadores do HULA denuncian o colapso de Urxencias este luns

Os e as celadoras do HULA de Lugo informan mediante unha nota de prensa...

O PP provincial pedirá reintegrar os traballadores da antiga Suplusa á Deputación

O PP esixe ao goberno provincial reintegrar na Deputación de Lugo aos traballadores de...

O PSdeG reclama á Xunta unha solución ante “a extrema gravidade” de Urxencias no HULA

A deputada do PSdeG Lara Méndez López vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa...