InicioPolíticaO PSdeG provincial pide mobilizarse pola atención sanitaria na manifestación do domingo...

O PSdeG provincial pide mobilizarse pola atención sanitaria na manifestación do domingo en Santiago

Os socialistas advirten de que estas situacións non son feitos illados nin excepcionais, senón consecuencia directa dunha falta de planificación estrutural por parte da Xunta de Galicia

PUBLICADA O

- Advertisement -

O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo chama á cidadanía a participar este domingo na manifestación en defensa da sanidade pública galega, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, para denunciar o deterioro progresivo da atención sanitaria e reclamar un sistema público forte, accesible e con recursos suficientes, especialmente no rural.

Militantes e cargos do PSdeG en Lugo participarán na mobilización para dar visibilidade ás denuncias expostas ao longo do último ano nos concellos de toda a provincia, onde a falta de médicos, as ausencias sen substitución, a sobrecarga do persoal sanitario e a precariedade da Atención Primaria forman xa parte do día a día da veciñanza.

Dende o PSdeG lembran que durante 2025 denunciouse de maneira continuada o deterioro da Atención Primaria en numerosos municipios da provincia de Lugo. Abadín, Baleira, Becerreá, As Nogais, Cervo, Portomarín, Xove ou Viveiro son só algúns exemplos dunha realidade que se traduce en centros de saúde que chegan a quedar sen médico varios días á semana, con prazas vacantes sen cubrir durante anos ou cunha atención limitada a horarios claramente insuficientes para poboacións avellentadas e dispersas.

Os socialistas advirten de que estas situacións non son feitos illados nin excepcionais, senón consecuencia directa dunha falta de planificación estrutural por parte da Xunta de Galicia, que abandona a Atención Primaria e normaliza que a veciñanza teña que desprazarse quilómetros ou recorrer aos puntos de atención continuada para recibir asistencia médica básica.

“O que está a acontecer na provincia de Lugo é un exemplo claro do abandono da sanidade pública da Xunta de Galicia: centros de saúde sen médicos, profesionais ao límite e veciñas e veciños que viven coa incerteza de saber se van ser atendidos”, denuncian os socialistas, que lembran ademais que Galicia destina só o 11,82% do orzamento sanitario á Atención Primaria, situándose á cola do conxunto do país.

Dende o PSdeG na provincia de Lugo insisten na necesidade de garantir a cobertura estable das prazas sanitarias, reforzar os cadros de persoal e asegurar unha atención digna e continua en todos os concellos, con independencia do seu lugar de residencia. “A mobilización cidadá é clave para que estas reivindicacións sexan escoitadas, e dende o PSdeG imos seguir loitando -dentro e fóra das institucións- por unha sanidade pública con recursos e persoal suficiente”, conclúen.

ÚLTIMAS

Lugo convértese no epicentro do cine galego cunha ambiciosa programación previa aos Premios Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer en Lugo o programa de actividades...

Lugo aproba o anteproxecto de orzamentos locais previstos para 2026

A Xunta de Goberno local celebrada este mércores en Lugo deu o visto e...

Restricións en varias estradas da Montaña de Lugo pola neve

O temporal de neve que afecta a boa parte da península tamén ten moitas...

O BNG insiste en que o Goberno actúe ante as continuas inundacións en Begonte

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, volverá levar ao Congreso a denuncia...