InicioPolíticaO PP de Lugo di que Goberno "desautoriza" a Besteiro e a...

O PP de Lugo di que Goberno “desautoriza” a Besteiro e a Yolanda Díaz sobre Altri

"Mentres José Ramón Gómez Besteiro e Yolanda Díaz mostraron a súa oposición á implantación da biofábrica de Altri en Palas de Rei, o Executivo de Sánchez mostrouse a favor de proxectos industriais que cumpran a lexislación vixente e a normativa ambiental" din os populares lugueses

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Partido Popular de Lugo asegurou que o Goberno central “desautoriza” ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, en relación ao proxecto de Altri ao asegurar que “favorecerá a atracción de novos proxectos industriais” que sexan compatibles coa normativa.

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, ofreceu este xoves unha rolda prensa xunto aos senadores José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano. Un acto no que tamén participaron o portavoz do Grupo provincial, Antonio Ameijide; e os alcaldes de Palas de Rei, Pablo Taboada; Monterroso, Eloy Pérez, e o portavoz do PP en Antas de Ulla, Javier Varela.

Os populares aseguraron que o Goberno de Sánchez contradí ao secretario xeral dos socialistas galegos e a unha das súas propias vicepresidentas. “Mentres José Ramón Gómez Besteiro e Yolanda Díaz mostraron a súa oposición á implantación da biofábrica de Altri en Palas de Rei, o Executivo de Sánchez mostrouse a favor de proxectos industriais que cumpran a lexislación vixente e a normativa ambiental”.

No caso do secretario xeral do PSdeG, sosteñen que “se corrixiu a si mesmo”. “Un día dicía que non pocían acceder a fondos públicos porque non cumpría parámetros e outro aseguraba que non se pode evitar que opte a fondos europeos se cumpre os requisitos”, trasladaron.

Así as cousas, Candia rexeitou “posicionamentos permanentemente ideolóxicos” e convidou a “confiar no traballo rigoroso dos técnicos” que, segundo indicou, son os que deben informar e determinar se cumpre ou non coa lexislación vixente”. Ademais, trasladou a aposta do PP pola “creación de emprego e a industrialización da provincia”.

O senador José Manuel Barreiro referiuse a o que considera unha “desautorización” do Goberno á vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e tamén a Besteiro. “Quedaron en evidencia” porque, en resposta oficial, “o Executivo di que favorecerá a atracción de novos proxectos industriais que sexan compatibles co cumprimento da normativa ambiental”, engadiu.

Barreiro sostivo que “se cumpre coa lexislación vixente hai que apoiar calquera proxecto de desenvolvemento industrial en Galicia”. Así, sinala que “tomar outra decisión en base a calquera outro criterio sería prevaricar”.

O senador avanzou que o vindeiro martes no pleno da Cámara alta exporá unha pregunta ao Ministro de Industria para que diga cal é a posición do Goberno sobre o proxecto de Altri para “evitar calquera tipo de interpretacións”.

“Se o BNG gobernase, o de Altri sería un dos proxectos estrela”, dixo para rexeitar as críticas dos socialistas aos informes técnicos. “Incluso a propia Comisión Europea respondeu ao BNG que non apreciaba ningunha infracción ás directivas sobre emisións e impacto ambiental”, afirmou.

Ademais, criticou que os socialista fomentasen dúbidas “ante un dos proxectos industriais máis imporantes nos últimos anos para o desenvolvemento industrial de Galicia e da provincia de Lugo”. “O lóxico é esperar aos informes técnicos antes de facer valoracións”, sinalou.

O rexedor do municipio de Palas de Rei, Pablo Taboada, incidiu en que “hai que esperar os ditames dos técnicos para determinar se é viable e se cumpre coa lexislación e a normativa vixente”.

O alcalde defende que este proxecto “se debe tratar con seriedade e non con ningún outro tipo de interese que nada ten que ver co proxecto”.

Nese sentido, puntualizou tamén que “foi apoiado de forma unánime polo pleno da corporación municipal no seu momento”. Así, engadiu que a implantación dunha biofábrica téxtil axudaría ao desenvolvemento da comarca e do rural. “Non esquezamos que é o maior investimento na provincia nos tempos que eu recordo. Debemos de falar de creación de postos de traballo, de oportunidades de futuro para o interior de Galicia”, concluíu.

RESPOSTA DOS SOCIALISTAS

Preguntado respecto diso, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou que “hai pouco máis dun ano” cando se lle preguntou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa sobre os acordos aos que chegara coa empresa, o máximo mandatario autonómico dixo “claramente” que “a empresa xa sabía o que ía obter da Xunta”.

Segundo dixo, naquel momento “sorprendeulle” esta respectuosa porque parecía que a empresa tiña “información privilexiada”. “Unha vez que se presenta despois das eleccións este proxecto, nós fixemos un chamamento ao estudo” do proxecto, dixo Besteiro, que lembrou que, despois disto, o manifestou a súa opinión persoal e que, á vista do que se ía coñecendo, considerou que o proxecto de Altri en Pas non ía ter “axudas públicas” nun contexto no que, ademais, a propia empresa aseguraba que necesitaba 250 millóns libres, sen devolución, para que o proxecto saíse adiante.

“Esa foi a miña percepción e sígoo mantendo”, dixo para insistir en que se unha empresa di que necesita 250 millóns para “parece que non é unha opción viable de futuro”. “E iso é o que expreso”, incidiu.

Besteiro volveu a reclamar á Xunta que sexa “transparente” e diga “que tipo de axudas vai facilitar a ese proxecto” no caso de que as axudas do Estado non cheguen a ese nivel –250 millóns– que pide Altri.

“A partir de aí, as valoracións que fan os dirixentes do PP ben llas podían dirixir ao presidente da Xunta para que nos de a información”, afirmou o socialista, que considera que aínda que estas afirmacións dos populares son “respectables”, ao seu xuízo, están “tremendamente equivocadas”.

ÚLTIMAS

O ferido dun tiro en Lugo acaba detido por tenencia de armas e confírmase que se disparou a si mesmo por accidente

O home que resultou ferido o pasado fin de semana no Barrio de Feijoo...

A Xunta adxudica melloras na LU-113 e LU-530 por máis de 3,2 millóns de euros

A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por máis de 3.240.000 euros...

Un home resulta ferido por disparo no barrio de Feijoo

Un home resultou ferido por arma de fogo na noite deste venres no barrio...

O PP denuncia que Puente “dá por descartadas” as variantes e a lanzadeira ferroviaria entre Lugo e Ourense

O PP de Lugo denunciou que o ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, dá...