O edil do PP no Concello de Lugo, Enrique Rozas, anunciou este luns en rolda de prensa a renuncia á súa acta de concelleiro por “asuntos persoais e familiares” tras máis de 40 anos de dedicación á política e o seu posto será ocupado polo número 13 da lista municipal: Damián Carballo.
Así o comunicou este luns, nunha emotiva rolda de prensa convocada na sede do PP da casa consistorial, a portavoz municipal do partido, Elena Candia, que agradeceu a Rozas a súa “ilusión” e “dedicación” e que precisou que dita renuncia figurará “de maneira inmediata no rexistro” e será efectiva “no pleno ordinario do mes de xullo”.
“Hai algún tempo comunicounos que a súa familia o necesitaba”, explicou Candia durante a súa intervención introductoria, para acto seguido trasladar o apoio unánime do Grupo Municipal Popular (presente, na súa maioría, na rolda de prensa) ao edil á hora de tomar unha decisión que, dixo, “entendemos e respectamos”. “Non é unha persoa fácil de substituír, pero nos próximos días faremos unha convocatoria para explicar a reorganización do Grupo Municipal”, indicou Candia.
Tras o anuncio da portavoz municipal do PP lucense, tomou a palabra o propio Enrique Rozas, que explicou que se decidiu regresar á primeira liña da política municipal en 2023 (tras a súa marcha en 2019) foi porque lle ilusionou o proxecto de Candia e asegurou, “para evitar especulacións ou interpretacións”, que a renuncia á súa acta obedece unicamente a “temas persoais e familiares” que non teñen nada que ver, puntualizou, “co funcionamento nin do partido nin do grupo”.
“Agora xurdiron unha serie de condicións, unha serie de situacións, unhas coñecédelas e outras non procede que as diga, que me fixeron pensar que eu non ía poder dedicarlle o tempo que cría que lle debía dedicar á política. Isto é moi sacrificado”, xustificou Enrique Rozas. O edil popular é tío do loteiro lucense investigado desde o mes de xaneiro pola súa presunta implicación no atraco perpetrado contra a súa propia administración de lotaría.
“A vida dá xiros inesperados e a miña familia necesítame”, insistiu Rozas durante a súa comparecencia de despedida ante os medios, que concluíu indicando que manterá os seus cargos orgánicos dentro do partido como vicepresidente da Xunta Local e coordinador de área na xunta Provincial presidida por Elena Candia.