InicioEconomíaO novo colexio do Sagrado Corazón, orzamentado pero sen proxecto

O novo colexio do Sagrado Corazón, orzamentado pero sen proxecto

O convenio de Xunta e Concello para o novo Sagrado Corazón asinouse en 2017, mais o goberno galego segue sen presentar o proxecto para obter a licenza

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os orzamentos autonómicos presentados polo Partido Popular consignan 2,5 millóns de euros para o colexio do Sagrado Corazón. O novo centro de ensino botou a andar o 7 de xullo de 2017, cando Concello de Lugo e Xunta de Galicia asinaron o convenio de colaboración. Porén, no consistorio aínda agardan polo proxecto constructivo que deben avalar antes de iniciar as obras.

Os prazos apremian, porque o convenio polo que o actual Sagrado Corazón ocupa un terreo de Abanca expira este 2018. A Xunta asegurara en maio, cando licitou o proxecto, que as obras comezarían antes da fin de ano.

O acordo bilateral supuxo a cesión por parte do Concello da parcela necesaria para as instalacións. No goberno local hai malestar pola demora do executivo autonómico, responsable de redactar o proxecto para a dotación educativa, que deberá ser avaliado e autorizado polos técnicos municipais antes de dar comezo á construcción.

Malia existir unha partida de 2,5 millóns de euros para tal fin nos orzamentos de 2019, o Partido Socialista séntese agraviado despois das presións recibidas para executar os trámites de rehabilitación na Tinería ou no futuro complexo da Residencia. “Máis dun ano despois de formalizar a posta a disposición, aínda non sabemos nada do proxecto que teñen que presentar para obter licenza, nin da licitación das obras”, sinalou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro. 

O edil Daniel Piñeiro | Óscar Bernárdez
O edil Daniel Piñeiro | Óscar Bernárdez

No equipo de goberno consideran que a tardanza co novo colexio do Sagrado Corazón, un servizo longamente demandado no barrio, é un exemplo máis do “deixamento e castigo” do Partido Popular en Lugo. Así, argumentan que a falta de interese ralentizou plans estratéxicos iniciados cando os socialistas estaban na Xunta, así como os compromisos máis recentes do presidente Alberto Núñez Feijóo.

O novo CEIP Sagrado Corazón será de liña 2 (18 unidades, 450 alumnos) e dará servizo ao alumnado do barrio Sagrado Corazón e a contorna, asumindo a zona de influencia do centro existente e, ademais, aos futuros escolares residentes nas novas vivendas que xurdirán como consecuencia do desenvolvemento dos novos polígonos de uso residencial previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

En total estímase necesaria a ocupación de arredor de 3.000 metros cadrados de superficie construída. Ademais de facilitar os terreos, o Concello de Lugo deberá desenvolver as tarefas de urbanización e dotación de servizos no predio.

 

ÚLTIMAS

Conduce unha moto de reparto de comida sen luces pola Avenida da Coruña sen ter carné nin contrato de traballo

A Policía Local de Lugo denunciou ao condutor dun ciclomotor que repartía comida a domicilio e...

O PPdeG acusa a PSOE e BNG de apostar pola privatización nas residencias de Lugo

O PPdeG acusa a PSOE e BNG dun "modelo privatizador" nas residencias da provincia...

Condenada por trapichear con dous gramos de cocaína en Lugo

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a un ano e medio de cárcere a...

Detidos os dous membros dunha parella por agredirse mutuamente en Lugo

A Policía Local de Lugo detivo na madrugada do martes aos dous membros dunha...