Feijóo contéstalle ao alcalde de Friol: “As súas críticas parécenme inxustas”

O presidente da Xunta lembroulle a José Ángel Santos que no PP existen canles internas para protestar de forma "correcta" logo de que o friolés cuestionara a xestión do conselleiro de Medio Rural.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Friol, José Ángel Santos | ALX

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reprobou a actitude do alcalde de Friol, José Ángel Santos (PP), despois de que este criticara duramente o actual conselleiro de Medio Rural e as súas políticas.

Nun artigo de opinión publicado no xornal Campo Galego, o rexedor friolés pediu unha vacina con esoutra pandemia que vive o rural. “Desde que o ourensán José González Vázquez se fixo cargo do departamento de Medio Rural, moito do que ocorre nesta Consellería carece de sentido“, chantaba Santos.

Estas palabras non foron recibidas con agrado polo presidente do Goberno galego, que lle lembrou ao seu compañeiro de formación que os militantes do PP teñen canles internas para trasladar o seu parecer de forma “correcta”. Dito isto, Feijóo asegurou que as críticas de José Ángel Santos son “inxustas” e non comparte “de ningún modo” a súa visión.

Esta non é a primeira vez que o alcalde de Friol pronuncia palabras en desacordo coa elite do PPdeG. Amais de ter criticado noutras ocasións a José González, no 2018 tamén pedía a dimisión do daquela conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, por “non cumprir os compromisos” adoptados co seu concello.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here