Feijóo, sobre o retraso na apertura do Auditorio: “Con Orozco non tería pasado”

O presidente do PP e da Xunta prometeu que a Xunta axudará na rehabilitación do cuartel de San Fernando.

Alberto Núñez Feijóo, nun almorzo informativo no Gran Hotel de Lugo | ALX

EFE.-  O presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que “con Orozco” na Alcaldía de Lugo o novo auditorio da cidade xa estaría aberto.

Feijóo fixo estas declaracións no transcurso dun almorzo informativo no Gran Hotel de Lugo para facer balance dos seus dez anos de goberno á fronte da Xunta de Galicia. Alí comentou que, desde o seu punto de vista, o atraso que acumula a apertura do novo auditorio “non tería pasado con Orozco, porque sabía as complicacións que houbo para sacalo adiante”, nunha época de “vacas fracas”, segundo insistiu.

De feito, lembrou que foi o anterior alcalde quen “convenceu” o propio Feijóo da necesidade de facer esa infraestrutura cultural na cidade. “Díxenlle que non tiña un duro”, recoñeceu Feijóo, pero ao final o exalcalde acabou por convencelo e a Xunta de Galicia accedeu a facer ese investimento.

“Tiñamos un acordo, tiñamos un convenio” co consistorio, proseguiu Feijóo, pero unha vez terminada a obra civil , “o Concello dixo que non tiña diñeiro para equipalo”, polo que foi a administración autonómica a que tivo que adiantar os 3,2 millóns de euros. Agora “que está todo terminado seguimos nesta situación”, lamentou para queixarse das “trabas” do Concello. E é que os técnicos municipais revisaron o edificio e atoparon humidades, tras o que pediron que fose arranxado.

REHABILITACIÓN DO CUARTEL DE SAN FERNANDO

Feijóo tamén afondou na situación do cuartel de San Fernando. O popular defendeu o proxecto da Xunta de Galicia para facer un parador-museo nese edificio histórico. O Concello e varias asociacións da cidade rexeitan a idea do parador e apostan por un  Museo da Romanización.

Dixo que en política hai que ser “pacientes” e non “impulsivos”, porque confía en que chegará o día, se o PP segue á fronte da Xunta de Galicia, no que o goberno galego se sentará “ coa cidade” para sacar adiante un proxecto que “atraia a xente e investimento”, que sexa realmente “un foco de atracción” para a cidade e non só “unha idea”. Nese sentido, asegurou que a Xunta de Galicia estará “na rehabilitación” de San Fernando.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here