O concelleiro do BNG de Vilalba, Tino Alvite, renunciou á súa acta por motivos persoais e participou este xoves no seu último pleno da corporación municipal tras tomar esta decisión. Segundo recolle o Bloque nun comunicado, ao remate da sesión, Alvite recibiu o agradecemento do resto dos concelleiros polo traballo desenvolvido durante a súa etapa como representante municipal e pola súa dedicación á actividade política e institucional no Concello.
Pola súa banda, desde o BNG de Vilalba, os seus compañeiros quixeron trasladarlle tamén o seu recoñecemento e agradecemento polo “tempo, o traballo e o compromiso” que dedicou á organización e, especialmente, pola súa contribución durante esta etapa desde o grupo municipal. Os nacionalistas destacaron a súa disposición “permanente” a traballar por Vilalba e polos seus veciños, así como o compañeirismo amosado ao longo dos anos, desexándolle o mellor na súa nova etapa.
