InicioOpiniónDiario de desescalada: os marcos entre provincias

Diario de desescalada: os marcos entre provincias

"Os de Friol van poder ir a Negueira de Muñiz, pero non a Toques ou a Sobrado dos Monxes. O Marco das Pías toma o control, señoras, e as redes sociais ferven coa polémica".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O ‘Diario de corentena’ torna agora nun ‘Diario de desescalada’, un camiño de volta cara a esa nova normalidade da que tanto nos falan e que aínda ninguén é capaz de se imaxinar. Pedro Sánchez anunciou hoxe que esa situación non se alcanzará ata finais do mes da sega. De aquí a aló, agárdanos un plan de transición en catro fases e un millón de preguntas.

Nun tempo, tocará afacerse a pedir cita previa ata para ir mercar unhas zapatillas novas que substitúan esas que se estragaron de tanto estar na casa. Faremos memoria para pensar que calzado poñiamos, vestiremos unha máscara nos fociños e iremos ata a terraza dalgún bar ao 30% da súa ocupación. De momento, esquecede os reencontros nos salóns dos fogares.

Os avances virán dados segundo o noso comportamento colectivo, claro. Non queremos dar un paso en falso. Nin tampouco fóra da provincia, seica. E é que o presidente do Goberno dixo que a mobilidade interprovincial quedará restrinxida ata que se alcance esa nova normalidade por completo. Díxoo hoxe. Pasado mañá que sei eu. O caso é que os de Friol van poder ir a Negueira de Muñiz, pero non a Toques ou a Sobrado dos Monxes. O Marco das Pías toma o control, señoras.

POLÉMICA NAS REDES SOCIAIS

As redes sociais fervían con este tema, sen entender que realidade sanitaria tan distinta podería haber entre Palas de Rei e Melide, entre Sober e Parada de Sil, entre O Vicedo e Mañón, para prohibir os desprazamentos entre uns e outros sitios.

Unha desescalada por comarcas tería máis sentido? Eu nada sei disto. Supoño que un de Baralla tamén querería pasar ao Corgo, así que se cadra estabamos nas mesmas. Por áreas sanitarias? A concentración dos distritos Lugo-Cervo-Monforte ten as mesmas lindes ca a provincia. Rural fronte a urbano? E aí cal sería o límite?

Non me queda máis ca confiar na boa vontade á hora de establecer as medidas e ler a aquelas persoas que opinan dun xeito e mais do outro. Pero que opinen máis alá do embigo de Madrid, por favor e grazas.


[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’  —agora Diario de desescalada— que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...