A USC vén de poñer en marcha o Programa de Activación á Transferencia do Campus Terra, co que se financiarán tres proxectos de investigación que estean nunha fase inicial e necesiten un proceso de validación técnica que lles permita acceder a niveis avanzados de madurez tecnolóxica e acometer así probas de concepto ou escalado.
Esta iniciativa vai dirixida ao persoal investigador e aos grupos do Campus Terra da USC que centren a súa actividade nun dos seis eixos de especialización do campus e que, no desenvolvemento das súas actividades, xeraran resultados con potencial de transferencia á sociedade.
O prazo de recepción de solicitudes para esta iniciativa, impulsada xunto coa Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, estará aberto ata o vindeiro 11 de setembro.
Os eixos de especialización nos que deben encaixar os proxectos son Produción Vexetal e Agricultura Sostible; Produción, Saúde Animal Sostible e Unha Sola Saúde; Alimentación Segura e Saudable; Xestión Forestal Sostible e Cambio Climático; Biodiversidade e Infraestruturas Verdes; e Sociedade e Economía no Medio Rural. O importe máximo destinado a este programa será de 30.000 euros, co financiamento de tres proxectos de 10.000 euros cada un. A presentación da proposta realizarase a través do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da USC.
