O Concello de Lugo entregou o primeiro título de primeira ocupación correspondente ao Polígono 2 da Louzaneta, un fito que confirma na práctica o desbloqueo urbanístico deste ámbito logo da recepción parcial formalizada polo Goberno local o pasado mes de xullo.
A entrega deste primeiro título permite que unha das persoas propietarias complete finalmente un procedemento que permanecía condicionado pola situación urbanística da zona e supón o primeiro resultado efectivo dunha solución que poderá beneficiar progresivamente ao resto dos propietarios que cumpran os requisitos para solicitar as súas correspondentes licenzas.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou que “este primeiro título demostra que o acordo acadado non quedou nun trámite administrativo, senón que está tendo consecuencias reais para as persoas que levaban anos agardando por unha solución”.
A concesión prodúcese despois de que o Concello formalizase o pasado mes de xullo a recepción parcial do Polígono 2 da Louzaneta, tras semanas de traballo técnico e xurídico para atopar unha saída a un expediente urbanístico que levaba máis de vinte anos sen culminar.
Candia incidiu en que “nun momento no que a vivenda é unha das principais preocupacións da cidadanía, non podemos permitir que cuestións administrativas que se arrastran durante décadas impidan dar uso con plena seguridade xurídica a vivendas xa existentes”.
Neste sentido, a alcaldesa reiterou que o traballo municipal na Louzaneta continuará. “Este é un paso máis dentro dunha folla de ruta que ten continuidade. O noso obxectivo é seguir avanzando tamén nos polígonos 1 e 3 e na zona industrial para dar unha resposta definitiva a unha reivindicación histórica dos propietarios”, afirmou.
A entrega deste primeiro título de primeira ocupación converte así en realidade o compromiso adquirido tras a recepción do Polígono 2 e marca o inicio dunha nova etapa para un ámbito urbanístico que permaneceu durante máis de dúas décadas pendente de regularización.
INSCRICIÓN CURSOS NATACIÓN
O Concello de Lugo abre o calendario de inscrición correspondente ao derradeiro trimestre do ano para os cursos de natación destinados a nenas, nenos e adultos nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras, así como para o curso “Deporte para maiores de 65 anos”.
Cursos de natación en Frigsa e As Pedreiras
O prazo de solicitude de praza abrirá do 8 ao 11 de setembro, na piscina na que se desexe realizar o curso, Frigsa ou As Pedreiras, dentro do horario de apertura de cada instalación. O último día, 11 de setembro, o prazo rematará ás 14:00 horas en ambas as dúas instalacións.
O sorteo de prazas entre as solicitudes presentadas terá lugar o 16 de setembro, ás 10:00 horas, na piscina de Frigsa, aberta a todo o mundo. Ao día seguinte, 17 de setembro, exporanse os listados de persoas admitidas nos taboleiros de anuncios de Frigsa e As Pedreiras.
A partir dese momento, todos os trámites de matrícula realizaranse na piscina de Frigsa, tanto para os cursos desta instalación como para os de As Pedreiras. O prazo para formalizar a matrícula, aberto a todo o público, abrirá do 17 ao 23 de setembro.
As prazas que queden libres tras este proceso poderán ser cubertas o 24 de setembro polas persoas solicitantes que non resultasen admitidas no sorteo, e o 25 de setembro para as prazas libres restantes.
Curso “Deporte para maiores de 65 anos”
Para este programa, a matrícula será directa e poderá formalizarse do 14 ao 18 de setembro, na piscina de Frigsa.
