InicioMovementos sociaisVoluntarios de Lugo piden axuda para as persoas sen teito: "Temos supermercados...

Voluntarios de Lugo piden axuda para as persoas sen teito: “Temos supermercados na casa!, podemos compartir”

Durante esta emerxencia sanitaria, na Rede de Apoio Mutuo organízanse para asistir os maiores, facerlles a compra, ir por medicinas, baixar o lixo..., pero tamén para recoller alimentos ou artigos de primeira necesidade para as persoas sen fogar. Co peche de locais como Cáritas ou o Banco de Alimentos, vólvese máis complicado acceder a recursos, así que este colectivo pide colaboración cidadá a través de doazóns ou achegas económicas. "O necesario é que ese espírito de comunidade exista sempre", din.

PUBLICADA O

- Advertisement -

As redes veciñais terman de que ninguén caia ao baleiro durante esta corentena que semella un buraco negro. Coa filosofía de axudármonos unhas ás outras, varias asociacións lucenses concentraron a súa forza e recursos en facer fronte á actual urxencia sanitaria e ás dificultades económicas, alimentarias… que supón para moitas persoas. Así pois, voluntarias da Rede de Apoio Mutuo de Lugo organízanse a diario para ofreceren asistencia a persoas maiores e enfermas ou para aportaren produtos de primeira necesidade a familias sen recursos, entre outras.

Rubén Eiravella, membro do colectivo, explica máis polo miúdo o seu funcionamento. “Nós intentamos ter contacto directo coa xente que precisa da nosa colaboración. Poden recorrer a nós a través do WhatsApp“, nos números 675 14 64 02 ou 698 19 11 52. “Aquí non hai horarios, claro, así que imos vendo quen está dispoñible nese momento. Pero na medida do posible sempre logramos adaptarnos” e asistir aquelas persoas que o precisan.

Os integrantes desta rede de voluntariado poñen o seu coche e o seu tempo para facer máis doado o día a día dos demais. Ás veces non é máis ca ir ao supermercado ou á farmacia para evitar que as maiores se expoñan a posibles contaxios. Outras, tan só baixar o lixo ou axudarlles a pedir unhas receitas no HULA.

AXUDA PARA AS PERSOAS SEN RECURSOS

Non existe un perfil concreto das persoas que contactan coa Rede de Apoio. “Hai de todo! Persoas maiores, xente que traballa e non ten tempo a determinadas cousas, xente sen recursos…”, enumera Eiravella. Neste último colectivo fai especial fincapé. “É súper importante facer un chamamento á cidadanía para atender a situación de persoas coma as que están no Pavillón”.

Trátase de persoas sen teito que outrora acudían a institucións como Cáritas ou o Banco de Alimentos para ter algo que levar á boca. Co peche destes locais, as dificultades multiplícanse. “É necesario facer unha gran recollida de alimentos e artigos de primeira necesidade, como roupa, mantas ou produtos de hixiene. Temos supermercados montados na casa! E non estaría mal compartir un pouco diso“, pide.

Por iso, apelan a esa solidariedade cidadá que emerxe con máis forza nestes días e lembran que calquera persoa pode botar unha man na Rede de Apoio Mutuo, ben sexa como voluntario ou ben a través de doazóns económicas ou de produtos básicos.

AS PRIORIDADES

“Unha vez máis o pobo é do pobo”, observa Rubén Eiravella, ao fío das iniciativas solidarias que se van sucedendo nestas semanas. Aínda así, para el “o necesario é que ese espírito de comunidade exista sempre e non só no marco dunha urxencia social. “Esta situación saca algo do que moita xente non se decataba: aprender a distinguir que é o importante”, prosegue.

Cando o camiño se fai duro, só os duros e as duras fan o camiño”, di, cara ao remate da conversa, convencido do poder dos movementos de base. Tecer rede, coser fíos veciñais. Diso se trata.

ÚLTIMAS

Ángel Pérez, aos seus 28 anos, perfílase para substituír a María José Gómez na alcaldía de Guntín

Ángel Pérez, concelleiro de Deportes de Guntín, perfílase para substituír a María José Gómez...

O BNG denuncia a situación da sanidade pública na Fonsagrada: atención telemática a maiores e prazas sen cubrir

A deputada do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, presentou unha serie de iniciativas para denunciar a situación...

Denunciados unha ducia de condutores en Lugo por alcoholemia positiva, un deles por cuadriplicar a taxa máxima

A Policía Local de Lugo denunciou este fin de semana a unha ducia de condutores que...

A circulación entre a rúa Armañá e a Praza de Santo Domingo estará cortada desde este martes

O Concello de Lugo informou de que, ante a necesidade de executar as canalizacións...