A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, participaron na primeira xornada de pensamento galego “Saudade de Ramón Piñeiro”. A rexedora destacou que “falar de Ramón Piñeiro é falar dunha maneira de entender Galicia desde o pensamento, o diálogo e a palabra”, subliñando que o seu legado vai máis alá da súa dimensión histórica ou intelectual e representa tamén unha forma de construír país desde a reflexión, o entendemento e a defensa da cultura galega”.
A alcaldesa incidiu ademais en que “pensar Galicia segue sendo unha tarefa plenamente vixente” e reivindicou a importancia de crear espazos nos que debater, contrastar ideas e construír pensamento propio. Pola súa banda, Valentín García definiu a Ramón Piñeiro como “un dos arquitectos da Galicia moderna”, destacando o seu papel no deseño e impulso de moitas das institucións que hoxe teñen peso na vida cultural e intelectual de Galicia.
O secretario xeral da Lingua salientou igualmente que Piñeiro tivo “unha vida intensa nun tempo intenso”, marcado por profundas transformacións políticas, sociais e culturais, e puxo en valor a pegada que deixou na construción da Galicia contemporánea.
A programación desta primeira xornada complétase con intervencións arredor das diferentes dimensións de Ramón Piñeiro, desde a familiar e académica ata a política, filosófica e lingüística. Candia concluíu lembrando que “recuperar figuras como Ramón Piñeiro non significa mirar cara atrás, senón buscar ferramentas para entender mellor o presente”, e apelou a seguir valorando a lingua, a cultura e o patrimonio intelectual de Galicia.
ASOCIACIÓN SOCIOEDUCATIVA ANTONIO GANDOY
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Educación e Cultura, Javier Vázquez, mantiveron unha reunión coa presidenta da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, María Luisa Rey Otero, para coñecer os programas que desenvolve a entidade no acompañamento ás familias durante a crianza e a educación dos seus fillos e fillas.
O encontro forma parte dos contactos que a alcaldesa mantén con entidades e colectivos da cidade para coñecer os seus proxectos, escoitar as súas necesidades e estudar posibles vías de colaboración. Esta interlocución presta atención ás iniciativas dirixidas ás distintas etapas da vida, desde a primeira infancia ata as persoas maiores, así como ás propostas que contribúen a apoiar as familias e favorecer a conciliación.
A Asociación Antonio Gandoy, de ámbito galego e con sede nas instalacións do Centro Público de Educación Permanente de Adultos (EPAPU) Albeiros, en Lugo, conta cun equipo de seis persoas e realiza encontros semanais nos que participan arredor de 70 familias, segundo os datos facilitados pola súa presidenta. A actividade desenvólvese todas as tardes, ademais dos martes e mércores pola mañá.
A entidade, sen ánimo de lucro, dá continuidade ao legado educativo de Preescolar na Casa e ofrece orientación e recursos ás familias para acompañar o desenvolvemento infantil, promovendo tamén a igualdade de oportunidades e o vínculo coa lingua e a cultura galegas.
Entre as súas principais iniciativas destacan os Espazos das Familias, encontros nos que nais e pais comparten experiencias e reciben orientación sobre a primeira infancia. A programación complétase con propostas como O son que me arrola, que achega a música e a tradición oral galega ás crianzas; a Festa Xogueteira, arredor do xogo e da aprendizaxe compartida; e charlas formativas sobre cuestións relacionadas coa crianza.